A Consellería de Cultura e Educación impulsa os cursos de linguaxe administrativa en liña nos que están a participar 360 traballadores da Xunta

De marzo a maio desenvólvese unha nova edición destes cursos, que teñen como finalidade mellorar a capacitación lingüística en galego do funcionariado

A Consellería dirixida por Vázquez Abad, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, porá en marcha no mes de setembro os primeiros cursos de linguaxe administrativa e xurídica en liña de nivel superior

Dom, 08/04/2012 - 11:11
A Consellería de Cultura e Educación impulsa os cursos de linguaxe administrativ
A Consellería de Cultura e Educación impulsa os cursos de linguaxe administrativa en liña nos que están a participar 360 traballadores da Xunta

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP), ten en marcha unha nova edición dos cursos de linguaxe administrativa de nivel medio dirixida ao persoal da Administración autonómica na modalidade de teleformación. A finalidade destes 12 cursos é mellorar a capacitación lingüística en galego do persoal ao servizo das administracións públicas.

Os cursos de linguaxe administrativa en liña, nos que participan un total de 360 alumnos/as, desenvólvense entreo 12 de marzo e o 18 de maio de 2012.Unha vez rematado o traballo na aula virtual, o alumnado con dereito a exame realizará as probas finais (oral e escrita) o día 26 de maio nas instalacións da EGAP de Santiago de Compostela.

Formación específica en galego para o persoal das administracións

Os cursos de especialización teñen como finalidade darlles formación específica aos traballadores e traballadoras das distintas administracións públicas na súa lingua de especialidade. No ano 2011 máis de 500 empregados públicos participaron nesta modalidade de teleformación, alternativa á formación presencial, que ofrece novas posibilidades para xestionar os recursos e o tempo dedicado á capacitación lingüística.

Os cursos de linguaxes específicas en liña contan cunha titora ou titor especializado, ao que a  Secretaría Xeral de Política Lingüística lle ofrece formación específica e continuada. Este grupo de titores/as acompaña e guía o alumnado durante todo o proceso de formación.

Estrutura e metodoloxía dos cursos

Os cursos medios de linguaxe administrativa estrutúranse en 12 módulos didácticos. Cada módulo divídese á vez en bloques temáticos de contidos: oralidade, gramática, redacción e estilo, léxico, contorno e documentación.

A metodoloxía dos cursos combina contidos teóricos e actividades prácticas.A parte práctica está composta por dous tipos de actividades: «prácticas» e«tarefas». As prácticas son 57 exercicios de autorresolución asociados aoscontidos dos bloques de gramática, redacción e estilo e léxico. As tarefas son 10 actividades de avaliación propostas polas titorías para traballar os contidos dos bloques de oralidade, contorno e documentación.

A maiores, a aula virtual dispón dunha sección de recursos na que o alumnado terá á súa disposición diferentes ferramentas lingüísticas, así como outro material que lle poida ser de utilidade para o desenvolvemento do curso, como son o glosario, o vocabulario, apéndices, lexislación, unha videoteca e unha hemeroteca.

Novos cursos en liña para o funcionariado a partir de maio

Neste mesmo mes de abril iniciarase unha nova quenda de cursos en liña dirixida ao persoal das administracións local, en colaboración coa Deputación da Coruña, e de xustiza, en colaboración coa Dirección Xeral de Xustiza.

Amais, a Secretaría Xeral de Política Lingüística dirixida por Valentín García porá en marcha no mes de setembro os primeiros cursos de linguaxe administrativa e xurídica en liña de nivel superior, tamén destinados á capacitación en lingua galega das traballadoras e traballadores públicos.

Menús News node R

Tema