Rueda destaca o papel das ensinanzas artísticas no futuro cultural de Galicia e pon en valor a matrícula gratuíta nestas disciplinas académicas

O Goberno galego investiu algo máis dun millón de euros na rehabilitación desta infraestrutura educativa

Salienta a aposta por un modelo educativo de excelencia, cuns orzamentos para este departamento que medran ata superar os 3.000 millóns de euros en 2025

Ven, 25/10/2024 - 12:39
r

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o importante papel que teñen as ensinanzas artísticas de cara ao futuro cultural de Galicia. Neste sentido, puxo en valor a posta en marcha este curso da matrícula gratuíta nestas disciplinas académicas, do mesmo xeito que nas universidades, o que permite garantir a igualdade de oportunidades e a captación de talento.

Así o resaltou hoxe durante a súa visita á Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón en Lugo, unha das catro institucións destas características que hai en toda Galicia. Na súa visita, puido coñecer o resultado da rehabilitación que se levou a cabo no edificio, na que a Xunta investiu algo máis dun millón de euros para, entre outras melloras, substituír ventás e falsos teitos, ademais de instalar novas caldeiras de biomasa. No acto tamén se fixo entrega de premios extraordinarios e mencións de honra a varios alumnos.

O titular do Executivo galego salientou o compromiso da Xunta por seguir impulsando as ensinanzas artísticas e mellorando as infraestruturas dentro dunha liña de acción prioritaria que busca potenciar a calidade e innovación do conxunto do sistema educativo. Para facelo posible, os orzamentos deste departamento para o próximo ano volven aumentar e superarán os 3.000 millóns de euros.

Neste contexto, Rueda tamén fixo referencia a outras actuacións que se están acometendo dentro do sistema educativo como a mellora de ratios e de condicións do profesorado; a mellora de colexios e institutos -en Lugo, por exemplo, estase tamén traballando na rehabilitación integral do IES Lucus Augusti, cun orzamento global de 3,3 millóns de euros-; ou a aposta polas universidades como polos de innovación e coñecemento, como o Campus Terra, no que se nestes anos se están investindo 4 millóns de euros.