A Xunta eleva a case 20 M€ o orzamento do Plan reforza da investigación universitaria coa dotación de 12 tecnólogos máis para apoiar o labor científico
Rueda salienta que a medida se enmarca na aposta da Xunta por consolidar un sistema de I+D “forte e competitivo”
O Consello autoriza inxectar case 1 M€ máis ás tres universidades públicas para cubrir novas necesidades de soporte á actividade investigadora
Os campus xa contrataron 132 destes profesionais o ano pasado ao abeiro deste plan, un 20 % máis do inicialmente previsto
Trátase de especialistas en xestión de proxectos de I+D+i en prol dun mellor funcionamento do sistema e de maior transferencia á sociedade
O presidente lembra que antes de finais de ano estará en marcha o Plan galego de investigación e innovación e que, ao longo da lexislatura, se creará a Fundación para o impulso da ciencia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello acordou “elevar ata os 20 millóns de euros” o orzamento inicial do Plan reforza da investigación universitaria -posto en marcha o curso pasado- para que “os campus contraten a 12 tecnólogos máis que lles apoien” na súa actividade científica.
Unha medida que se enmarca, segundo explicou, na aposta da Xunta por consolidar un sistema de investigación “forte e competitivo” e que se traduce en novas iniciativas coma “o Plan galego de investigación e innovación” que estará en marcha antes de que remate o ano ou “a futura Fundación para o impulso da ciencia” que se creará ao longo da lexislatura.
O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dunha addenda ao convenio coas tres universidades galegas a través do cal se puxo en marcha esta iniciativa o ano pasado. Este novo acordo, por importe de case 1M €, permitirá contratar 12 tecnólogos máis para apoiar a actividade investigadora.
Serán catro profesionais para cada unha destas institucións académicas, que se suman aos 132 xa contratados polas universidades o ano pasado ao abeiro deste plan, un 20% máis do inicialmente previsto. Deste xeito, a Universidade de Santiago de Compostela conta xa con 58 tecnólogos contratados ao abeiro do Plan reforza, a Universidade de Vigo, 40, e a da Coruña, 34.
A nova ampliación supón dar un paso máis na aposta do Goberno galego por un sistema de investigación universitario forte e competitivo con apoio estrutural e estable no referido ás estruturas de investigación.
O Plan reforza da investigación universitaria ten un orzamento de 19,7M € para o período 2023-2026 e establece como obxectivos básicos o desenvolvemento e consolidación dos servizos de apoio á investigación dentro do Sistema universitario de Galicia (SUG) ao tempo que axuda ás universidades a optimizar e incrementar as súas capacidades en investigación, captación de recursos (de talento e de fondos), transferencia de coñecemento e internacionalización.
Transferencia á sociedade
O apoio económico da Xunta materialízase en fondos para que as tres universidades públicas galegas contraten tecnólogos especializados en materia de I+D+i co obxectivo de dar soporte á actividade científica que veñen desenvolvendo e facilitar a transferencia de coñecemento ao conxunto do tecido empresarial.
Trátase de profesionais xestores de I+D+i especializados en cuestións como a xestión de proxectos internacionais, a negociación cos sectores produtivos, a protección da propiedade intelectual, a posta en valor de resultados de investigación, o aproveitamento das infraestruturas científico-técnicas ou a xestión de recursos humanos e de comunicación, entre outros.
Os tecnólogos actúan de nexo nas relacións entre os organismos de financiamento da investigación e a comunidade científica, tendo en conta cuestións como as diferenzas culturais e xurídicas entre países e entre o mundo académico e a industria. Isto é, xogarán un papel clave na xestión do bo funcionamento dos proxectos de investigación liderados polos científicos que traballan nas tres universidades públicas galegas.