Román Rodríguez dá conta ante o Consello Escolar de Galicia do novo impulso do ensino nos vindeiros anos a través de plans específicos desde infantil ata FP

O conselleiro preside a reunión deste órgano de consulta, onde agradece o labor da comunidade educativa para que este curso arrancara con normalidade

Na xuntanza analizáronse os desafíos de futuro do sistema cos retos da nova ordenación da FP, da nova ABAU e da intelixencia artificial entre outros

Lun, 07/10/2024 - 18:25
r

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presidiu hoxe a xuntanza do Consello Escolar de Galicia para analizar o comezo do curso, así como para dar conta das principais accións de futuro impulsadas pola Xunta de Galicia co obxectivo de afianzar “a maior transformación histórica do ensino galego dos últimos 30 anos” que abrangue retos como seguir implementando o acordo de mellora que arrancou este ano coa baixada de rateos e a ponderación do alumnado con necesidades, entre outros; a posta en marcha da nova Abau, a aplicación da nova ordenación da Formación Profesional, a incorporación da intelixencia artificial ou a modernización das infraestruturas educativas.

Román Rodríguez quixo aproveitar a súa intervención ante este órgano de participación e consulta no eido do ensino para, en primeiro lugar, agradecer a profesionalidade e a responsabilidade coa que actuaron tanto os profesores como familias e alumnos neste inicio de curso, que fixo que arrancara con normalidade.

O titular de Educación referiuse aos “grandes avances” nos últimos anos en parámetros que miden a calidade e a equidade grazas a un “modelo propio” que agora cómpre “seguir preparando para os retos e desafíos de futuro” con accións específicas para todas as etapas educativas, desde Infantil e Primaria ata ESO, Bacharelato e Formación Profesional. Neste obxectivo enmárcase o Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, que é a estratexia do Goberno galego para incrementar o nivel de competencias clave do alumnado, personalizar o apoio educativo e a atención ás necesidades específicas.

Formación Profesional

No eido da Formación Profesional -que este ano acada un novo récord histórico de matriculados- a Consellería porá en marcha o Plan FPGal360 de orientación profesional integral, co que se busca que o 100% dos mozos sigan formándose ata, polo menos, cumprir os 18 anos, e tamén atraer ao sistema educativo persoas con baixa cualificación ou que queren mellorar a que teñen. Román Rodríguez referiuse tamén á nova ordenación da FP, para a cal a Xunta, ante os retrasos do Ministerio, adiantouse cunha normativa propia que inclúe a posta en marcha da FP Dual Intensiva e o reforzo das prácticas en empresas e das horas en inglés ata duplicar as existentes ata o de agora.

Así mesmo, outro dos retos a partir deste curso vai ser a posta en marcha da primeira proba de ABAU común con outras 11 comunidades autónomas e na que desde a Consellería xa se está traballando en coordinación coas tres universidades públicas co fin de dar certezas ao profesorado e ao alumnado e acabar coas desigualdades.

Finalmente, Román Rodríguez referiuse tamén á folla de ruta establecida no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para seguir modernizando e mellorando as infraestruturas educativas, coa construción de novos centros e a rehabilitación e ampliación de outros.