O conselleiro de Ciencia reivindica a figura do Matemático Rodríguez logo do achado da súa sepultura

Destaca que o ‘matemático do Bermés’ foi un dos “maiores xenios científicos” de Galicia que a colocou “no mapa da ilustración, da ciencia e do progreso”

Conmemóranse os 200 anos do pasamento do nomeado Científico do Ano 2024 pola Real Academia Galega de Ciencias

A Xunta súmase á celebración cunha exposición itinerante para divulgar e dar a coñecer a figura e obra do lalinense

Mér, 02/10/2024 - 10:08
m

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na descuberta da placa que identifica por primeira vez o lugar onde se atopa a tumba do nomeado Científico do Ano 2024 pola Real Academia Galega de Ciencias, José Rodríguez, coñecido como Matemático Rodríguez. Este recoñecemento vai permitir á cidadanía render homenaxe á súa figura no lugar exacto onde foi sepultado e que ata o momento non estaba localizado, na igrexa de San Agostiño, en Santiago de Compostela.

O titular do departamento de Ciencia da Xunta reivindicou a figura do Matemático Rodríguez como “un dos maiores xenios científicos da Historia de Galicia”. Neste sentido, destacou a necesidade de poñer en valor os persoeiros “que contribuíron a situar a Galicia no mapa da ilustración, da ciencia e do progreso”. “Como mestre, como galego e mesmo como lalinense síntome orgulloso de poder colaborar nesta homenaxe”, afirmou.

Neste sentido, o representante da Xunta puxo en valor o papel do catedrático de Astronomía da Universidade de Santiago de Compostela, José Ángel Docobo, promotor da colocación da placa, coa colaboración da igrexa de Santo Agostiño e do Colexio Maior de San Agustín. Carmen Villanueva, autora dunha tese de doutoramento na Universidade de Vigo sobre este ilustre persoeiro, foi quen pescudou no libro de enterramentos dos agostiños en Madrid o lugar exacto onde foran depositados no seu día os restos mortais.

Participaron tamén no acto, entre outras autoridades, o arcebispo emérito de Santiago Julián Barrio; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema; o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o alcalde de Lalín, José Crespo.

Exposición itinerante

A descuberta da placa enmárcase nas celebracións que homenaxean ao longo deste ano ao Matemático Rodríguez no bicentenario do seu falecemento, nas que a Xunta vai participar impulsando unha exposición itinerante baixo o título José Rodríguez, o matemático do Bermés, coordinada pola Real Academia Galega de Ciencias.

Esta iniciativa, a través das consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e de Cultura, Lingua e Xuventude, en colaboración coa Real Academia Galega de Ciencias, ten como obxectivo de divulgar e dar a coñecer a figura e a obra do científico galego José Rodríguez, nado en Lalín e mestre de Domingo Fontán, coincidindo co 200 aniversario do seu falecemento.

A mostra comezará o seu percorrido en Santiago de Compostela para despois viaxar ata Lalín -municipio que o viu nacer- e a Madrid. José Rodríguez, o matemático do Bermés pretende achegar ao público xeral o legado dun dos matemáticos máis relevantes de Galicia, que destacou no século XIX polo seu traballo en diferentes ramas das Matemáticas e pola súa contribución ao desenvolvemento científico da súa época.