Román Rodríguez subliña o crecemento xeneralizado da matrícula de FP no conxunto do territorio e en todas as familias profesionais
Destaca que a “revolución silenciosa” afiánzase “cun novo récord” de estudantes ata acadar os 68.823, o dobre que hai 15 anos, froito dunha “oferta reforzada” e a aposta pola innovación, a tecnificación e alta cualificación
A matrícula medra en todas as provincias, con especial forza nas áreas do Salnés, Deza-Tabeirós-Terra de Montes, A Mariña e Pontevedra
As familias profesionais que máis soben son Instalación e mantemento, Edificación e obra civil, Comercio e márketing, Sanidade e Fabricación mecánica
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, subliña o crecemento “integral” e xeneralizado da matrícula das ensinanzas de FP en todas as provincias e en todas as familias profesionais este curso académico 2024-25, onde “acadamos un novo récord histórico” con 68.823 estudantes, unha cifra que duplica a rexistrada 15 anos atrás.
Así o sinalou esta mañá en Pontevedra durante unha visita ao Instituto IES Luís Seoane, onde debullou os datos pormenorizados destas ensinanzas que, en palabras do titular de Educación, afianzan “a revolución silenciosa da nosa FP”. “Unha dinámica que non é froito da casualidade”, senón dunha aposta polo diálogo permanente cos centros e co tecido socioeconómico, co deseño dunha oferta ampla e variada que chega a todo o territorio e cunha “formación á carta que se adapta ás necesidades e aos intereses de cada persoa”, abondou. Esta tendencia alcista, cun 7% máis de matrícula que o pasado curso (4.235 estudantes máis), reflíctese de xeito xeneralizado en todas as modalidades de FP, en todas as familias profesionais e no conxunto do territorio galego.
Crecemento en todas as provincias
Así pois, rexístrase un crecemento en todas as provincias, onde a de Lugo lidera a suba con case un 8% de aumento (6.998 matriculados, 517 máis que o pasado curso), seguida da provincia de Ourense con case un 7% (6.244 matriculados, 400 máis), A Coruña cun 6% (30.211 matriculados, 1.826 máis) e Pontevedra outro 6% de crecemento (25.370 matrículas, 1.510 máis).
En canto ás areas territoriais delimitadas no Plan FP Conecta (onde se deseñou unha oferta axeitada e axustada ás demandas territoriais e socioeconómicas de cada zona) cómpre destacar o dinamismo experimentado en zonas como as do Salnés (onde se rexistrou unha suba de matrícula do 18%), Deza, Tabeirós e Terra de Montes (un 13% máis), A Mariña (un 11% máis) e Pontevedra (un 9% máis).
Na variable rural-urbano, destaca o eido rural cun aumento de matrícula de case o 8%, o que fai que nesta parte do territorio haxa máis estudantes ca nunca, un total de 7.766, o que supón 553 máis que o pasado curso. No eido urbano o crecemento é do 6% ata acadar as 61.057 matrículas (3.700 máis).
Familias profesionais
No que atinxe ás familias profesionais, das 24 que se poden estudar en Galicia, a matrícula medra en 22 delas. As subas máis destacadas danse en Instalación e mantemento (19% máis), Edificación e obra civil (18% máis), Comercio e márketing (10% máis), Sanidade (10% máis) e Fabricación mecánica (8% máis).
Doutra banda, Román Rodríguez subliñou a “excelente” resposta ante as novas propostas formativas da Xunta de Galicia, que fan fincapé na alta cualificación profesional. Referíase así ao incremento de matrícula de case o 60% nos títulos de alta especialización (con 347 matriculados, 129 máis que o pasado curso) e dos másteres de FP (que igualmente soben nun 60% ata acadar os 1.006 matriculados).
En palabras do conselleiro, estes datos “reflicten que imos polo bo camiño coa nosa aposta por propostas exclusivas de Galicia para atender demandas específicas do sistema produtivo”. Tamén destacar a FP Dual Intensiva, con 4.042 alumnos e unha suba do 36% (1.068 alumnos máis que o curso pasado).
Por modalidade formativa, neste curso hai 5.643 persoas matriculadas nun ciclo formativo básico (un aumento do 5,4%), 25.397 nun ciclo de grao medio (4,1% máis) e 37.783 persoas matriculadas nun ciclo de grao superior (un 8,5% máis).
Ampliación do IES Luís Seoane
O titular de Educación aproveitou a visita a Pontevedra para destacar especialmente o labor e a implicación dos centros educativos e do seu profesorado como “piar indiscutible” do éxito da FP e puxo como exemplo o IES Luís Seoane, que cualificou coma un “dos buques insignia” destas ensinanzas como avalan os case 900 matriculados este curso (un 10% máis), e que xunto con outros como os centros integrados de FP Carlos Oroza, A Xunqueira e Montecelo, exercen de “polos tractores” nunha cidade como Pontevedra que conta con 4.053 persoas matriculadas en FP. Tamén se referiu ao recén creado Centro Integrado de FP CIFP Escola de Cantería de Galicia en Poio, onde a matrícula se multiplicou por catro.
Román Rodríguez explicou que o reforzo da oferta esixe tamén da necesidade de infraestruturas axeitadas e a isto responde a obra de ampliación do Luís Seoane acometida pola Consellería cun investimento de 723.000 euros, coa cal o centro dispoñe de 1.000 metros cadrados máis de superficie ao servizo do alumnado, con cinco novas aulas, unha aula-taller e unha aula de informática ademais de novos espazos para servizos comúns como vestíbulos, almacéns , aseos, vestiarios e cuartos de instalacións.