A Consellería de Cultura e Educación adxudica o proxecto de reforma e construción do IES Eusebio da Guarda da Coruña

A empresa concesionaria terá dous meses para desenvolver o documento e posteriormente realizarase a tramitación do mesmo

O proxecto é relativo as obras que afectarán á mellora dos espazos xa existentes e á execución dunha nova edificación

O orzamento definitivo das obras coñecerase coa presentación final do proxecto

A obra, desenvolverase con carácter plurianual, e dará resposta a unha antiga demanda da comunidade escolar

Dom, 01/04/2012 - 10:19

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria adxudicou o proxecto de reforma do IES Eusebio da Guarda, na Coruña, que suporá un investimento por parte da administración por valor de 47.082 euros.

O proxecto de reforma foi adxudicado á empresa Santos y Mera Arquitectos S.L.P., que terá dous meses para desenvolver dita actuación. Posteriormente realizarase a aprobación técnica do proxecto e procederase á licitación da obra de reforma.

As obras

Cómpre recordar que a execución da obra terá carácter plurianual, en función das dispoñibilidades orzamentarias. As actuacións consistirán na reforma do edifico principal, a reposición do edifico adxacente e as alternativas para a construción dun ximnasio, necesario para o correcto funcionamento do centro educativo.

Deste xeito a Consellería de Cultura e Educación dá un paso máis no cumprimento do seu compromiso con este centro educativo e coas súas necesidades. Ao mesmo tempo tamén se responde ás necesidades de toda a comunidade que o viña demandando desde hai anos.

Con esta convocatoria continúase a dar resposta á necesidade de recuperar o carácter da edificación principal co obxectivo de acentuar a singularidade da construción. En base a isto está previsto o cambio da fachada posterior e da ampliación realizada no centro nos anos 60, que rompe co deseño arquitectónico inicial do centro.