A Consellería de Cultura e Educación incrementa o número de axudas para os estudantes universitarios extracomunitarios
A convocatoria, que no seu segundo ano chegará a preto dun cento de persoas, concederá a cada un dos beneficiados 1.000 euros para o vindeiro curso escolar
A Administración galega volve demostrar o seu compromiso cos estudantes, a pesares da grave crise económica que se atravesa
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria incrementa o número de beneficiariosdas bolsas destinadas a estudantes universitarios que participen en programas de mobilidade con países extracomunitarios no curso 2012-2013. Así, na súa segunda edición e de cara ao vindeiro curso, os beneficiarios serán 98, oito máis que o ano pasado.
O obxectivo destas axudas, de mil euros cada unha delas, é reforzar a aprendizaxe mutua, o traballo de cooperación, favorecer a mobilidade, compartir experiencias e coñecemento, e fomentar o aumento das competencias lingüísticas e profesionais.
As axudas destináranse a alumnas e alumnos matriculados nunha universidade do Sistema Universitario de Galicia (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña ou Universidade de Vigo) ou nun centro asociado da UNED en Galicia que participe en programas de intercambio, relacionados cos estudos que está a cursar, con países extracomunitarios.
Os destinatarios
Os estudantes interesados nesta nova axuda poderán solicitala ata o vindeiro 30 de xuño deste ano. Poderán optar á mesma aqueles que estean matriculados en estudos universitarios oficiais conducentes a unha titulación de grao, licenciatura, diplomatura, enxeñaría, arquitectura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica nunha universidade pertencente ao SUG ou centro asociado da UNED en Galicia.
Aqueles que desexen optar deberán ter realizado os últimos tres cursos académicos nalgún centro ou universidade galega. Os estudantes estranxeiros non comunitarios que soliciten a axuda deberán acreditar a condición de residentes, non podendo realizar o intercambio con universidades do seu pais de orixe.
Continuidade da iniciativa
A Consellería, a través da Secretaría Xeral de Universidades, volve demostrar, a pesares da grave crise económica pola que se está a pasar, o seu compromiso cunha política de apoio económico aos estudantes, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a mobilidade de estudantes, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.
Deste xeito Cultura e Educación dá continuidade a esta iniciativa implantada o pasado curso universitario, no que se beneficiaron noventa estudantes das universidades galegas.