A Consellería de Cultura e Educación promociona o audiovisual galego no MipTV de Cannes
En colaboración co IGAPE, cofinanciará a asistencia das empresas galegas ao mercado internacional máis importante de contidos de televisión
O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad difundirá nesta cita os catálogos ‘Films from Galicia’, ‘Shorts from Galicia’ e ‘Ways to Film’
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promocionará a partir de mañá o audiovisual galego no MipTV de Cannes (Francia), o mercado internacional máis importante de contidos para televisión e novas pantallas tecnolóxicas que terá lugar do 1 ao 4 de abril.
Para iso, e en colaboración do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad apoiará a asistencia das empresas galegas mediante o financiamento de parte dos gastos de acreditación, traslados e aloxamento, ademais de poñer á súa disposición un espazo común para que os profesionais poidan empregalo como punto de encontro e lugar de reunións.
Deste xeito as compañías galegas CTV, Frida Films, Maruxiña Films, Zoamedia e Zenit formarán parte do paraugas Audiovisual from Spain promovido polo Instituto de Comercio Exterior (ICEX), xunto co Instituto Nacional da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) e a Federación de Asociacións de Produtores Audiovisuais (FAPAE). A presenza galega tamén contará con representantes da Televisión de Galiciae do Curso de Posgrao en Comercialización Internacional de Contidos Audiovisuais (CICA) da Universidade da Coruña.
Difusión de catálogos
Ademais de promover encontros entre produtores e xuntanzas con programadores de televisións de todo o mundo, así como a busca de todo tipo de oportunidades financeiras e de negocio para o sector, a Consellería promocionará o audiovisual galego e a súa industria a través da difusión dos catálogos ‘Films from Galicia’,‘Shorts from Galicia’ e ‘Ways to Film’.
Así, a través de ‘Films from Galicia’ daranse a coñecer as producións máis recentes de longametraxes de ficción, animación e documental, así como as últimas novidades en series e películas para televisión. Pola súa parte ‘Shorts from Galicia’ presentará aos asistentes ao mercado de Cannes as curtametraxes que formaron parte do palmarés dos tres festivais máis relevantes de Galicia dedicados a este xénero (Festival de Cans, Curtocircuíto e FicBueu).
Doutra banda, e a través de ‘Ways to Film’, a Consellería promocionará Galicia como escenario de rodaxe, tanto polas súas localizacións como pola existencia dunha industria audiovisual moderna e consolidada.
Escaparate internacional
A través da participación no MipTV a Consellería amosa a súa aposta polo fortalecemento da imaxe dos nosos produtos audiovisuais a nivel internacional, a través dun escaparate internacional como é este mercado. A cita de Cannes é ademais unha ocasión que abre novas oportunidades de negocio ás empresas galegas, nunha feira marcada pola continua evolución das novas tecnoloxías.
Segundo datos da organización, o MipTV reunirá a máis de 11.500 profesionais dun cento de países, máis de 4.000 compradores e preto de 100 novos expositores. Nesta edición -a número 49-, a presenza de profesionais acreditados incrementarase nun 25% con respecto ao ano anterior, de xeito que, das 1.220 compañías produtoras que asistirán a esta edición, 326 farano por primeira vez.