A Consellería de Cultura e Educación presenta no CGAC as exposicións ‘A bandeira na cima’ e ‘Gravity & Disgrace ep. 1’

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou hoxe as dúas mostras, “coas que o CGAC segue impulsando o dinamismo e calidade a súa oferta expositiva”

Rafael G. Bianchi Torres amosa a través de ‘La bandera en la cima’ as catorce montañas máis altas do mundo, que lle serven para reflexionar sobre o papel do artista e a condición do ser humano

‘Gravity & Disgrace Ep. 1’ é a primeira entrega dunha exposición colectiva que recollerá a obra de Carla Filipe, Marlena Kudlicka, Paloma Polo e dos galegos Manuel Eirís e Diego Santomé

Ven, 30/03/2012 - 14:18
A Consellería de Cultura e Educación presenta no CGAC as exposicións ‘A bandeira
A Consellería de Cultura e Educación presenta no CGAC as exposicións ‘A bandeira na cima’ e ‘Gravity & Disgrace ep. 1’

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou esta mañá no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) as exposicións La bandera en la cima e Gravity & Disgrace, que serán inauguradas esta tarde polo responsable da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad.

Con estes dous novos traballos artísticos “o espazo expositivo do CGAC dá un novo paso como referente na difusión da arte contemporánea, tanto en Galicia como fóra das nosas fronteiras”, dixo Anxo Lorenzo. Isto é posible, segundo asegurou, “grazas a unha ampla programación expositiva e de calidade, que ofrece un gran número de iniciativas e que aspira a chegar a públicos cada vez máis amplos”. Ademais do secretario xeral, no acto de presentación tamén participaron o director do CGAC, Miguel von Hafe, e o comisario David G. Torres.

En La bandera en la cima, o artista catalán Rafel G. Bianchicentra a súa atención no feito de pintar de xeito pormenorizado as catorce montañas máis altas do mundo, o que no mundo do alpinismo se coñece como os catorce oitomiles. Pero esta mostra non é un enxalzamento do montañismo, senón que quere manifestar o absurdo da figura do artista, do traballo en arte e por extensión da nosa condición no mundo. E faino aplicándose moito, pondo esforzo e dedicación, sen establecer distancias, insistindo en levar a cabo un traballo que reivindica a súa propia inutilidade.

Bianchi comezou a pintar en 2007 e tardou case cinco anos en rematar as catorce pinturas. Cada cadro de 117 por 82 centímetros está realizado a partir dunha fotografía de cada un dos oitomiles: pintados en branco e negro de maneira detallista ofrecen unha imaxe case fotográfica.

Ademais das pinturas finais, La bandera en la cimainclúe documentación relativa ao seu longo proceso de realización: o calendario cos debuxos/diagramas da evolución diaria e as diapositivas que documentan o proceso; documentación sobre alpinismo e o mito dos catorce oitomiles; unha maqueta realizada a partir da paleta que Rafel G. Bianchi utilizou para mesturar as cores (os grises, en realidade) e pintar cada cadro; e unhas películas en Super-8 realizadas durante o proceso de execución das pinturas.

A mostra, comisariada por David G. Torres, estará exposta no dobre espazo do CGAC ata o 24 de xuño.

Gravity & Disgrace Ep. 1

A outra exposición que se inaugurará esta tarde é a mostra colectiva Gravity & Disgrace Ep. 1 que reúne a obra de cinco artistas: a madrileña Paloma Polo, a portuguesa Carla Filipe, a polaca Marlena Kudlicka e os galegos Manuel Eirís e Diego Santomé. Esta mostra, que ocupará o soto do CGAC ata o 1 de xullo, será a primeira parte dun proxecto comisariado por Miguel von Hafe que esta baseado no principio de inestabilidade procesual e teórica que caracteriza a contemporaneidade para suxerir unha reflexión sobre as instancias creativas que representan un mundo en mutación vertixinosa.

Deste xeito, as obras que se presentan neste primeiro episodio dun evento que se desdobrará noutros momentos expositivos, editoriais e de reflexión teñen a súa raíz en prácticas que cuestionan as condicións contemporáneas de construción social, e contrapoñen á idea de equilibrio e harmonía as máis proficuas interrogacións sobre o fracaso en canto proceso, a fluidez contextual como ferramenta crítica e a revisión das aporías do modernismo como elemento fundamental dunha comprensión máis ampla do presente.

Pezas da colección Helga de Alvear

Ademais destas dúas mostras, o público que se achegue ao CGAC poderá desfrutar da exposición De la generosidad, unha mostra formada por unha selección de fondos da prestixiosa colección da Fundación Helga de Alvear.

Finalmente, como complemento á programación do centro, mañá sábado 31 de marzo, ás 18:00 horas, será presentado A modo de conclusión, o traballo do artista Misha Goes Bolas, nun acto que contará coa intervención de George Varela e a actuación da banda Diadermin.

Menús News node R

Tema