A Xunta de Galicia completa as obras de mellora da accesibilidade no colexio CEIP Plurilingüe de Vite, en Santiago
O conselleiro Román Rodríguez supervisa a intervención, cun investimento de case 120.000€, para facilitar o acceso ás pistas exteriores e á zona verde
O Goberno galego está a investir 5,5 M€ en grandes obras en 13 centros da cidade, ao que se engade as pequenas intervencións en 16 centros durante este verán
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe o CEIP Plurilingüe de Vite, en Santiago de Compostela, para comprobar o resultado das obras de mellora da accesibilidade, xa finalizadas. Cun investimento de case 120.000€, esta intervención enmárcase no compromiso para garantir uns centros educativos máis accesibles.
A actuación permitiu instalar ramplas que melloran o acceso ás pistas exteriores e á zona verde do colexio, facilitando a entrada desde a planta primeira do edificio ata as instalacións exteriores. Con esta mellora, a totalidade da comunidade educativa, composta por máis de 200 persoas, poderá dispoñer dun acceso máis cómodo e seguro.
Román Rodríguez destacou que a aposta da Xunta pola educación pública “vai máis aló da formación académica, centrando tamén os seus esforzos en crear espazos escolares confortables, seguros e adaptados a todas as necesidades. Este tipo de actuacións reforzan ese compromiso”. Para iso, está en marcha o Plan de Nova Arquitectura 2021-2024, dotado cun investimento de 278 M€ para realizar 2700 obras en toda Galicia.
Máis confort e sustentabilidade
No caso de Santiago, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica inclúe a reforma, ampliación e modernización de 13 centros da cidade cun importe de máis de 5,5M€. Ademais destas actuacións, durante o verán tamén se realizaron obras enmarcadas no Plan de Benestar e Accesibilidade na Escola (BEN_Estar 2024), que se enfocaron en acadar un maior confort e sustentabilidade en 16 centros da capital, cunha contía de 370.000€.