Vázquez Abad asiste na Coruña ao concerto de Gustavo Dudamel coa Sinfónica de Gotemburgo dentro do ciclo “Galicia Classics”

O Pazo da Ópera énchese para acoller a primeira e única actuación en Galicia do célebre director venezolano, coa que se inaugura a programación que patrocina a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

O calendario desta edición continuará o 17 de abril na Cidade da Cultura cun recital de “lieder” a cargo de René Pape e con Camillo Radicke ao piano

Mér, 28/03/2012 - 20:56
Concerto de Gustavo Dudamel coa Sinfónica de Gotemburgo
Concerto de Gustavo Dudamel coa Sinfónica de Gotemburgo dentro do ciclo “Galicia Classics”

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe ao concerto que o carismático director venezolano Gustavo Dudamel ofreceu no Pazo da Ópera da Coruña á fronte da Orquestra Sinfónica de Gotemburgo. Quedou inaugurada así a terceira edición do ciclo “Galicia Classics”, patrocinado pola Consellería de Cultura e Educación, que ofrecerá a súa segunda cita musical o 17 de abril na Cidade da Cultura cun recital de lieder a cargo de René Pape e con Camillo Radicke ao piano.

A primeira e única actuación de Dudamel en Galicia, coa que arrinca ademais a súa xira europea, logrou completar o aforo do Pazo da Ópera coruñés, onde os asistentes puideron disfrutar dunha primeira parte integramente dedicada ao compositor Richard Strauss, coa interpretación dos seus poemas sinfónicos Don Xoán e Así falou Zaratustra, e dunha segunda na que soou a Sinfonía nº 103 de Franz Joseph Haydn, coñecida como O redobre de timbal.

Talento e compromiso

Cualificado como o principal referente actual do repertorio clásico, Gustavo Dudamel é recoñecido tanto polo seu talento musical como pola súa actividade de compromiso social na achega da música a nenos e nenas de comunidades desfavorecidas. Tralo “debut” galego na Coruña, ofrecerá unicamente outros tres concertos máis en España en días consecutivos, que terán lugar en Oviedo, Murcia e Madrid.

Dudamel, un dos impulsores de “El Sistema de Orquestas” venezolano e director titular da Filarmónica dos Ánxeles (EUA) e da Simón Bolívar, visita Galicia coa súa formación europea, a Sinfónica de Gotemburgo, que é a orquestra nacional de Suecia.

Aos seus 31 anos, Dudamel foi elixido pola revista Time como unha das cen persoas máis influentes do mundo. Aínda que polos seus compromisos como director musical ten que pasar 43 semanas anuais entre Estados Unidos, Suecia e Venezuela, actúa tamén como director convidado nalgunhas das orquestras más importantes do mundo. Esta temporada, por exemplo, volveu dirixir a Filarmónica de Viena e a Filarmónica de Berlín, ademais da Orchestre Philharmonique de Radio France en París e a Filarmónica de Israel. Visitará así mesmo La Scala de Milán, donde dirixe habitualmente, para interpretar a Sinfonía Nº 2 de Mahler, que gravará a RAI.

Desde que en 2004 captara a atención internacional ao gañar o Concurso Inaugural Gustav Mahler da Sinfónica de Bamberger, o venezolano pasou a ser un dos directores máis galardoados da súa xeración. Ademais, e como artista en exclusiva do selo Deutsche Grammophone desde 2005, Gustavo Dudamel ten editados quince discos; e no tocante a vídeos/dvd, protagonizou seis lanzamentos cos concertos máis importantes da súa carreira.

Máis ‘Galicia Classics’

Baixo o patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), o ciclo “Galicia Classics” continuará o 17 de abril co recital deRené Pape e Camillo Radicke en Santiago de Compostela, ao que seguirán os concertos que o Grupo Instrumental S. XX, dirixido por Florian Vlashi, ofrecerá o 27 de maio en Betanzos e o 25 de xuño Ferrol con programas en homenaxe aos compositores Carlos López García Picos e Xan Viaño, respectivamente.

Tamén están previstas dentro desta edición as actuacións de Antonio Florio á fronte da Capella della Pietà de Turchini o 20 de xuño en Vigo; e da Compañía Lírica Ofelia Nieto co Grupo Instrumental Cítola, xa no mes de xullo en Celanova e en Lugo, con senllos recitais incluídos nos actos da celebración do centenario de Celso Emilio Ferreiro.

Menús News node R

Tema