Vázquez Abad destaca no parlamento o esforzo da Consellería de Cultura e Educación a prol da mellora do éxito escolar

O conselleiro recorda que o CEIP Julio Gurriarán conta, a maiores do profesorado necesario para o seu número de unidades, cun segundo mestre especialista en pedagoxía terapéutica e profesores de apoio para os contratos-programa

O departamento educativo da Xunta destinará entre 65.000 e 70.000 a melloras no centro educativo

Mér, 28/03/2012 - 18:45

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe o compromiso que o departamento que dirixe mantén coa calidade do ensino nos centros educativos galegos, así como co benestar do conxunto da comunidade educativa, de xeito que, a partir do caso do CEIP Julio Gurriarán de O Barco de Valdeorras, abordou a relevancia de proxectos como os contratos-programa, a dotación de profesorado acorde ás necesidades e a obrigada priorización das obras ante a actual situación de crise económica.

No Pleno do Parlamento de Galicia o conselleiro respondeu a varias preguntas, ao fío das que explicou as melloras introducidas nos centros de ensino, que están a reforzar as competencias do alumnado e o apoio ao mesmo. Así, respecto do CEIP Julio Gurriarán Canalejas (O Barco de Valdeorras),  explicou que este centro dispón dos 29 profesores que lle corresponde por contar con 6 unidades de Infantil e 12 de Primaria. Ademais, dispón a maiores dun segundo mestre especialista en pedagoxía terapéutica para permitir unha mellor atención ás necesidades específicas do centro, e de dous docentes a media xornada grazas ao desenvolvemento da primeira liña dos contratos-programa.

O conselleiro anunciou ademais que Consellería analizou as necesidades e as posibilidades de mellora das infraestruturas deste centro, construído nunhas instalacións pensadas para outros usos nos anos 70, unha reforma que non abordou o Goberno Bipartito.

Así, explicou que a Xefatura Territorial de Ourense destinará entre 65.000 e 70.000 euros a acometer, nos meses de verán, obras de  reforma de baños, acondicionamento aulas de educación infantil e arranxos no patio. “Estamos a afrontar o que outros non fixeron”, salientou.

Contratos-programa

Doutra banda, Vázquez Abad lembrou no Parlamento que o departamento que dirixe está a dotar de programas específicos para a mellora do éxito escolar aos centros educativos, para o que está a poñer a funcionar en colexios e institutos iniciativas como os contratos-programa, que chegan xa a máis de 11.600 estudantes e 144 centros educativos.

Así mesmo, explicou que hai máis de 460 profesores implicados no funcionamento dos contratos-programa, dos que 63 son profesores de nova incorporación, dedicados fundamentalmente ao desenvolvemento do Plan PROA, unha das 5 liñas arredor das que os centros participantes desenvolven xa este curso un total de 232 actuacións.

Neste sentido, sinalou que o CEIP Julio Gurriarán participa nos contratos-programa, “concretamente los programas de reforzo, orientación e apoio e tamén no de mellora da lectura, da escritura e do cálculo. Asemade neste centro educativo de O Barco traballa co Proxecto Abalar neste curso e tamén o fixo no curso anterior; e é un centro que conta con axudas da Consellería, ao participar no Plan de Mellora de bibliotecas escolares neste curso”.

“A Consellería está a traballar pola calidade no ensino no CEIP Julio Gurriarán e no conxunto de centros educativos de Galicia”, afirmou.

Oposicións

O conselleiro recordou, ademais que o sistema educativo galego conta no curso 2011-2012 cun cadro de persoal suficiente e profesional para prestar, “como xa se está facendo”, unha atención e unha formación axeitada para o conxunto do alumnado que cursa diferentes estudos nos centros educativos de Galicia.

“Isto é así neste curso e o será tamén no próximo período escolar 2012-2013. Por tanto, quero manifestar que a decisión de non convocar oposicións para este ano 2012 non afectará a calidade do ensino, xa que Galicia conta e contará cos docentes funcionarios e con docentes interinos que sexan necesarios”.

Desta forma lembrou que esta decisión non é tomada de forma illada por Galicia.

“Como é coñecido, - dixo- nunha Conferencia Sectorial de Educación celebrada en Madrid  entre os responsables dos departamentos educativos do Goberno e das diferentes Comunidades Autónomas, converxeuse de forma maioritaria na idea de agardar ata 2013 para convocar novas prazas”.

Finalmente, explicou que as previsións coas que se traballa na Consellería pasan por consolidar e sumar as prazas correspondentes a este ano –que non se perden- ás do 2013, previa reclamación ao Goberno dunha taxa de reposición máis alta para o vindeiro ano. “Así, entendemos que, entón, sería posible convocar un maior número de prazas para Infantil, Primaria e Secundaria”, sinalou.