A Consellería de Cultura e Educación ofrece no salón teatro dúas funcións a cargo da bailarina e coreográfa Mónica García coa peza “La velocidad de las cosas”

A creadora traballa en solitario sobre unha plataforma de nove metros cadrados que produce sons como resposta aos seus movementos

A coreografía artéllase en torno ao concepto de sentimentalidade, sobre a idea de producir efecto, sobre o “afectar a” e “afectar-se”

Mér, 28/03/2012 - 14:34
A Consellería de Cultura e Educación ofrece no salón teatro dúas funcións a carg
A Consellería de Cultura e Educación ofrece no salón teatro dúas funcións a cargo da bailarina e coreográfa Mónica García coa peza “La velocidad de las cosas”

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece no Salón Teatro de Santiago dúas funcións de La velocidad de las cosas, a última creación da bailarina e coreógrafa Mónica García no que se presenta un  solo de danza contemporánea na procura material de movemento propio a través do traballo físico. As dúas representacións  desenvolveranse este venres 30 e o sábado 31 ás 20.30 horas, dentro da programación de temporada do Centro Dramático Galego.

O espectáculo, resultado dun dos proxectos seleccionados polo Centro Coreográfico Galego no marco do programa dirixido á promoción da investigación no ámbito da creación coreográfica en Galicia, estreouse o pasado mes de xuño na Sala Nasa de Santiago. Agora, o Salón Teatro acolle as dúas primeiras funcións desta proposta escénica que xirará a continuación polas cidades de Xaén, Vigo, Sevilla e Bilbao.

Durante 45 minutos, a creadora de orixe asturiana e habitual nos últimos anos nos elencos de distintas compañías galegas, traballa en solitario sobre unha plataforma de nove metros cadrados a través da que se producen sons a cada un dos seus movementos. Esta superficie é empregada tamén como un dispositivo de confesión e, ao mesmo tempo, como un exercicio e resultado dunha auto-enunciación.

“Afectar a” e “afectar-se”

Nun marco de investigación, a peza articúlase en torno ao concepto de sentimentalidade e do seu cuestionamento. Da súa confrontación co que provoca e co conflito que se xera, a intérprete indaga unha percepción de “ser-no-mundo”, isto é, sobre a idea de "producir efecto", de cómo afectan as cousas ao corpo e de cómo é afectado por elas. Para conseguilo, utilízanse como materiais o propio corpo, o movemento e o son.

A danza comeza ao poñer en relación as percepcións internas e externas facéndose consciente ao momento das dinámicas, espazos e intensidades. A súa vez, o espectador convértese en testemuña e cómplice dos acontecementos que se suceden pois, durante o desenvolvemento da peza, afirma a presenza e a constitución como individuo da bailarina.

La velocidad de las cosas conta coa colaboración de Iván Marcos no deseño de luces e son, así como na asistencia artística, labor esta última que realizou tamén Ricardo Santana.

Creadora emerxente

Titulada en Coreografía e Técnicas de Interpretación da Danza polo Real Conservatorio Profesional de Danza de Madrid, Mónica García é unha emerxente creadora do panorama actual da danza no noso país. Aínda que posúe unha ampla formación de danza, a súa traxectoria creativa, iniciada no 2003 coa obra Naranjas de la China realizada xunto a Paloma Díaz, enmárcase na danza máis contemporánea. E nela destacan as súas colaboracións con Daniel Abreu, con quen xerou dous espectáculos: Y eso que no me dejaban ver Dallas (2004), montaxe gañadora do XVIII Certame Coreográfico de Madrid, e Mínimos (2005), traballo realizado en residencia artística no Espaço do Tempo de Portugal.

No festival En Pé de Pedra de Santiago de Compostela estrea Bungaló (2004), o seu primeiro traballo en solitario, e no 2008 realiza a coreografía xunto a Ricardo Santana da obra Sí, pero no lo soy de Alfredo Sanzol para o Centro Dramático Nacional. Os seus traballos máis recentes son Abiba, peza creada para unha intérprete dentro do festival Ellas Crean, estreado no Museo Centro de Arte Raíña Sofía de Madrid; o trío I really want to stay here now, un traballo de colaboración con Ricardo Santana e Iván Marcos estreado no festival Empape da Coruña en xuño de 2010 e Nielheim, en colaboración co cuarteto de corda Suelen Estar Quartet.

Como bailarina, formou parte das compañías de Catherine Diverrés para o Centre Chorégraphique National de Rennes et de Bretagne en Francia, no Staatsteather Darmstadt en Alemaña, Teatro de la Abadía, Matarile Teatro, na compañía 10 & 10 e Provisional Danza, entre outros. É cofundadora do colectivo Y lo real fulgura e actualmente compaxina o seu traballo como profesora, intérprete e coreógrafa entre Asturias, Galicia e Madrid.

Venda de localidades

As entradas para as dúas funcións de La velocidad de las cosas poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada representación. Tamén se poden adquirir por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais.

Menús News node R

Tema