Preto de 300 docentes intensificarán a súa formación no estranxeiro grazas a un programa da Xunta

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destina máis de 1M€ a esta iniciativa, no marco do programa PIALE

As axudas teñen como obxectivo mellorar as competencias do profesorado a través de dúas modalidades: integración na vida escolar e realización dun curso no exterior

Lun, 12/08/2024 - 11:18
Grupo de alumnos falando nos pasillos dunha facultade universitaria

Un total de 290 docentes mellorarán a súa cualificación profesional no estranxeiro a través do Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras (PIALE). A Xunta vén de publicar a resolución desta iniciativa, que conta con dúas modalidades: integración na vida escolar nun centro educativo fóra de España (35 prazas) ou realización dun curso de idiomas no estranxeiro (255 prazas).

 

Este ano, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional destinou un orzamento de 1.068.713€ para cubrir os gastos de desprazamento (agás os traslados ata o punto de saída e chegada), docencia, actividades culturais, manutención e aloxamento das persoas beneficiarias desta acción.

 

Internacionalización do ensino

O programa PIALE reflicte a importancia que o Goberno galego outorga á aprendizaxe de linguas estranxeiras para os cidadáns da nosa Comunidade Autónoma, contribuíndo á mellora da competencia comunicativa do profesorado e fomentando a internacionalización do sistema educativo.

 

A convocatoria está dirixida ao profesorado de inglés, francés ou portugués de Infantil, Primaria, Secundaria, FP e Ensinanzas de Réxime Especial, así como aos docentes de materias ou módulos non lingüísticos impartidos en linguas estranxeiras nestas etapas educativas.

 

Na modalidade de integración na vida escolar dun centro educativo fóra de España, o itinerario formativo desenvólvese en dúas fases. A fase A, de 100 horas, consiste na integración do docente na vida escolar de centros educativos en Canadá, Francia ou Portugal durante o primeiro trimestre do curso 2024/2025. A fase B, de 25 horas, estará dedicada á difusión da experiencia adquirida mediante a elaboración dunha memoria e dunha proposta didáctica como recurso educativo aberto.

 

Na modalidade de realización dun curso de idiomas no estranxeiro, a primeira fase, de 50 horas, abrangue a realización de formación de dúas semanas en Reino Unido, Francia ou Portugal. Na segunda fase, de 25 horas, o docente elaborará unha proposta didáctica como recurso educativo aberto baseada na súa experiencia.