A Xunta impulsa 132 obras por un importe de máis de 8M€ en centros educativos da provincia de Ourense

Ao abeiro do Plan de benestar e accesibilidade na escola, durante este verán acométese 118 pequenas e medianas actuacións en 73 centros educativos de Ourense, cun importe de 2,8M€, enfocadas a un maior confort e sustentabilidade

Paralelamente, ao longo deste ano realízanse 14 obras de grande envergadura como ampliacións, rehabilitacións integrais e melloras de eficiencia enerxética

“A Xunta está comprometida en modernizar os centros de ensino cun investimento sen precedentes para a mellora das instalacións”, afirma o conselleiro

Mar, 30/07/2024 - 19:00
r

A Xunta de Galicia está a acometer ao longo deste ano 132 actuacións en centros educativos de Ourense, cun investimento total de máis de 8M€. Precisamente, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe unha delas, o CEIP Plurilingüe de Ribadavia, onde expuxo as intervencións que o seu departamento está realizando ao abeiro do Plan de benestar e accesibilidade na escola (Plan BEN_Estar 2024), avaliado onte polo Consello da Xunta.

Este programa inclúe unha serie de pequenas e medianas obras que se desenvolven durante o verán para mellorar cubertas, aseos, ventás ou ascensores. En concreto, na provincia de Ourense lévanse a cabo 118 actuacións en 73 centros cun investimento de 2,8M€ nesta tipoloxía de intervencións. En total, en Galicia son 535 melloras en 385 centros por un importe total de 12,5M€, a contía máis elevada dos últimos cinco anos.

Paralelamente a estas pequenas pero necesarias actuacións estivais, a Administración autonómica está a realizar 139 obras de gran envergadura como ampliacións, rehabilitacións integrais e melloras de eficiencia enerxética. Estas actuacións, cun investimento de 71,3M€ no conxunto de Galicia, están planificadas para todo o ano 2024 dado que o seu período de execución é de varios meses, pero reciben un especial pulo durante a época estival aproveitando as vacacións sen actividade lectiva nos centros.

Nesta tipoloxía de grandes obras, na provincia de Ourense destacan 14 actuacións como a ampliación do Instituto IES Manuel Chamoso Lamas no Carballiño, a do Centro Integrado de FP Vilamarín, a do Instituto IES Eduardo Blanco Amor en Ourense ou a do Colexio Plurilingüe Antonio Faílde en Coles.

Román Rodríguez referiuse ao compromiso da Xunta de renovar os colexios e os institutos, co fin de adaptalos ás esixencias actuais. O conselleiro explicou que o Goberno galego “está modernizando os centros de ensino, cun investimento sen precedentes, converténdoos en instalacións máis eficientes, sostibles e axustadas ás necesidades educativas”.

Actuacións de renovación en Ribadavia

No caso concreto do CEIP Plurilingüe de Ribadavia, o conselleiro explicou que a reforma conta cun investimento superior a 95.000€, e que se espera que estea rematada para o comezo do curso. A rehabilitación inclúe a mellora do pavimento do comedor e da sala de caldeiras, así como a reforma dos aseos e vestiarios da planta baixa.

Román Rodríguez destacou que o obxectivo desta intervención é "mellorar a eficiencia enerxética, dotando ao centro dun novo sistema de calefacción". "O CEIP de Ribadavia conta cunha comunidade educativa de máis de 253 alumnos e preto de 26 docentes, e a finalidade destas actuacións é mellorar o confort diario de todos eles", subliñou.

As actuacións inclúen un sistema de calefacción máis eficiente e menos custoso, o cambio do chan no comedor para facelo máis seguro e adecuado e a reforma dos aseos da planta baixa, onde se constrúe un baño adaptado e outros mixtos para mobilidade reducida. Tamén se executa un novo vestiario con prato de ducha, cabina sanitaria e despachos para o persoal, así como a renovación do aseo do persoal de cociña.