A Consellería responsabiliza ao Concello de Brión do futuro que lle dea ao antigo instituto de Esparís, do que é propietario

As instalacións, que o goberno bipartito deixou de destinar a fins educativos en 2008, depende agora do que decida facer con elas o concello

Mar, 09/02/2010 - 13:47

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria seguiu todos os trámites legais pertinentes no proceso de devolución das instalacións do antigo IES Esparís-Viceso ao seu lexítimo propietario, o Concello de Brión, cuxo alcalde parece descoñecer sorprendentemente o contido dos documentos notariais, as chamadas telefónicas atendidas, os escritos e informes remitidos e mesmo ás súas propias declaracións aos medios de comunicación.

O alcalde brionés, José Luis García García, foi recibido en San Caetano polo Secretario Xeral de Educación, José Luis Vázquez, o pasado 16 de setembro. Nese encontro foille comunicado que se lle devolverían o edificio do antigo Instituto e a parcela, así como as chaves do recinto. Esta decisión tomouse ao non estar previstas actividades de carácter educativo nas instalacións, algo que xa lle comunicara o goberno bipartito ao alcalde. Por esta razón decidiuse revertir a parcela ao seu lexítimo propietario orixinal, que é o Concello de Brión tal e como consta no Rexistro da Propiedade de Negreira tomo 720, libro 135, folio 35.

Como é sabido, a decisión foi tomada unha vez que se confirmou que no espazo non se desenvolverían accións educativas, xa que os alumnos do centro foron reubicados, en xaneiro de 2008, en un novo Instituto. Patrimonio dictaminou entón que todo o recinto de Viceso era propiedade do Concello de Brión, do mesmo modo que sucede con todos os edificios que albergan centros de educación infantil e primaria. Compre salientar que aínda que na última etapa tamén albergaron a estudantes de secundaria, nunca se cambiou a titularidade do recinto polo que continuaba a ser do Concello..

Cumpre recordar que o IES de Esparís deixou de funcionar con fins educativos durante a etapa do goberno bipartito, en xaneiro de 2008, cando por quedar obsoletas as súas instalacións, o alumnado foi trasladado ao novo IES de Brión. Por tanto, as instalacións foron empregadas para fins docentes desde o curso 1998-1999 ata hai dous anos cando os alumnos e alumnas comezaron as clases nos novos edificios de Pedrouzos.

Tras máis dun ano en desuso e diante das peticións da Alcaldía, a Inspección educativa realizou un informe de avaliación do estado e do posible uso do antigo IES. En dito estudo asegúrase que o terreo de sete mil metros cadrados non será empregado para acoller a estudantes debido a que está situado nun entorno rural, algo lonxe das principais vías de comunicación, e a que non ten sentido recuperar o seu uso inicial xa que o IES de Brión cubre todas as demandas e necesidades do alumnado da zona, tanto escolares como extraescolares.

O resultado de dito informe derivou definitivamente na tramitación da devolución do edificio que determina que o antigo IES de Esparís xa non é necesario para desenvolver as actividades docentes para e que foi construído, nin esta previsto que sexa así no futuro. Por este motivo procedese á reversión do inmoble ao seu titular orixinal, o Concello de Brión que será o responsable de decidir o futuro uso das antigas instalacións educativas.