Vázquez Abad asina o convenio coa Fundación Repsol, coa que se apoia creación literaria en lingua galega a través do VI Premio Narrativa Breve Repsol

O conselleiro de Cultura e Educación renova, por sexto ano, o compromiso da Administración autonómica para apoiar a literatura en galego a través deste certame

A Xunta de Galicia impulsa a implicación das empresas coa dinamización social da lingua galega

Ven, 23/03/2012 - 12:13
Vázquez Abad asina o convenio coa Fundación Repsol, coa que se apoia creación li
Vázquez Abad asina o convenio coa Fundación Repsol, coa que se apoia creación literaria en lingua galega a través do VI Premio Narrativa Breve Repsol

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o vicepresidente da Fundación Repsol, César Gallo Erena, asinaron hoxe un convenio de colaboración en materia de dinamización lingüística, coa finalidade de darlle apoio á literatura en galega a través do Premio Narrativa Breve, que este ano chega á súa sexta  edición.

Tras asinar o convenio o conselleiro amosou a súa satisfacción por que ” na actualidade, en Galicia, existen institucións de noso que velan porque o galego sexa un sistema literario normalizado; e, ademais, hai entidades privadas, como o caso da Fundación Repsol, que entenden que deben participar no fortalecemento dese sistema, formando parte del como estimuladores”. “Debémonos felicitar todas e todos – engadiu- porque, con toda normalidade, unha institución pública e unha entidade privada decidan colaborar para levar adiante un premio literario, o cal, desde a súa primeira edición, é todo un éxito”.

Desta forma, Vázquez Abad quixo agradecer a colaboración da Fundación Repsol “por entender que estar radicados nun territorio implica asumir unha responsabilidade social con este, que neste caso concreto se traduce na convocatoria dun premio que xa é peza importante do sistema literario galego”; así como á Real Academia Galega - que acolleu na súa sede o acto de sinatura- “institución que, nos seus máis de 100 anos de historia, foi e é referente fundamental e facho aceso da galeguidade e da preocupación pola lingua de noso e que segue a ser peza imprescindible neste proceso”.

Pola súa banda, o vicepresidente da Fundación Repsol dixo que “estas iniciativas de apoio á lingua galega, teñen a súa máxima expresión no Premio de Narrativa Breve Repsol, que nosa Fundación vertebra desde 2010 e que foi creado pola Refinería de Repsol na Coruña no ano 2006, materializando a idea de crear un galardón que impulsase e reforzase a creación literaria en lingua galega. Hoxe asinamos o convenio para convocar a súa sexta edición, coa satisfacción de ser un premio novo, pero moi apreciado, asentado firmemente na base do impulso conxunto empresarial e institucional  e dun recoñecemento unánime de crítica e lectores”.

O convenio ten como obxectivos a promoción do galego e o fomento da creatividade nesta lingua a través da narración escrita. E en torno a isto hoxe realizase a convocatoria e o desenvolvemento do Premio Narrativa Breve Repsol. Segundo o asinado levaranse a cabo a organización, xestión e execución das actividades relativas ao galardón.

No acto estiveron presentes, ademais de Vázquez Abad e de César Gallo, o presidente da RAG, Xosé L. Méndez Ferrín; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e outros representantes das entidades colaboradoras do premio como o director de edicións da Editorial Galaxia, Carlos González de Lema e o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias.

O premio

Deste xeito, todas aquelas persoas que desexen concorrer a este premio deberán enviar os seus escritos antes do 20 de xullo á Refinaría de Repsol da Coruña. Todos os textos deben ser obra orixinais e inéditas dunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120. O xurado estará conformado por un representante da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura; outro da Fundación Repsol, un da Real Academia Galega, outro da Asociación de escritores en Lingua Galega e un da Editorial Galaxia. Os cinco membros darán a coñecer no mes de setembro o nome da obra e o/a autor/a gañador/a, que recibirá 9.000 euros e verá como o seu escrito terá unha difusión de ata 1.500 exemplares.

Na primeira edición, en 2006, o xornalista Miguel Sande fíxose con este galardón pola súa obra Se algún día esta muller. A gañadora da segunda edición foi a obra Así nacen as baleas, da escritora Anxos Sumai. Na terceira edición, en 2008, o narrador, dramaturgo e debuxante humorístico Xosé Luís Martínez Pereiro obtivo o galardón polo traballo A verdade como mal menor. En 2010 o premio foi para o escritor galego, Xurxo Sierra, nacido en Caracas, pola súa obra Os Fíos, e na quinta e última edición o gañador foi Fernando Díaz-Castroverde pola súa obra de microrrelatos Microbios e outros paquidermos.

Promover o galego desde o sector empresarial

Con este convenio a Consellería volve a demostrar o seu compromiso coa dinamización do galego nos diferentes ámbitos e polo desenvolvemento das medidas precisas para garantir o seu uso social, a través da posta en marcha de accións conxuntas con outras entidades, como as contempladas neste acordo.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, busca así fomentar o uso da lingua galega promovendo e apoiando a súa incorporación desde as diferentes iniciativas do sector empresarial, un dos ámbitos prioritarios para a política lingüística.