A Consellería de Cultura e Educación impulsa a formación en biblioteconomía a través da convocatoria de 33 bolsas na rede de bibliotecas de Galicia

A iniciativa enmárcase nas liñas estratéxicas de 2012 que promove o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad para avanzar na calidade do sistema bibliotecario de Galicia

A Rede de Bibliotecas de Galicia vén de incorporar as bibliotecas de Arbo, As Neves e Pobra do Brollón

Xov, 22/03/2012 - 19:45

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, impulsa a formación en biblioteconomía a través da convocatoria de 33 bolsas, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia. Esta iniciativa enmárcase nas liñas estratéxicas de 2012 que promove o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad para reforzar a calidade do sistema bibliotecario de Galicia. 

As bolsas de formación, convocadas mediante colaboración titorizada na organización e descrición de fondos e actividades de biblioteconomía en bibliotecas, serán adxudicadas como medio de aprendizaxe das tarefas técnicas que se realizan nas bibliotecas de Galicia. Esta iniciativa vén sumarse ás actuacións que promove a consellería para avanzar na obtención de servizos bibliotecarios de calidade, adaptados ás actuais necesidades culturais, de información, formación e ocio da cidadanía, así como garantir o dereito dos galegos a accederen en condicións de igualdade á cultura, á lectura e ao coñecemento.

De acordo con este compromiso no impulso á formación en biblioteconomía, a Secretaría Xeral de Cultura destina 238.790,64 euros ao financiamento da convocatoria destas 33 bolsas, destinadas aos titulados na diplomatura en Biblioteconomía e Documentación e licenciados en Biblioteconomía, Documentación, Historia, Filoloxía ou Humanidades que desexen realizar as súas prácticas nos centros da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Os bolseiros realizarán as súas prácticas nos centros aos que sexan destinados e serán coordinados e dirixidos pola Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través do persoal técnico debidamente cualificado, designado para tal efecto por aquela. Ademais da parte práctica, a formación completarase cunha parte teórica, que suporá o 15% do total da bolsa e será impartida por persoal técnico bibliotecario.

As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 22 de abril, e os requisitos da convocatoria poden consultarse no Diario Oficial de Galicia do 22 de marzo.

Cómpre lembrar que a Consellería vén organizando tamén cursos para a formación continua dos profesionais que desempeñan as súas tarefas nos centros da Rede organizando cursos de formación en materia de bibliotecas que achegan temas de interese tratados por expertos de recoñecido prestixio.

Novos centros da Rede de Bibliotecas de Galicia

Así mesmo, a consellería acaba de integrar na Rede de Bibliotecas de Galicia as bibliotecas municipais de Arbo (Pontevedra), As Neves (Pontevedra) e Pobra de Brollón (Lugo), tal e como estes propios centros solicitaran.

Con estas incorporacións refórzase a estrutura integrada de fondos bibliotecarios da Comunidade Autónoma, a través da Rede de Bibliotecas de Galicia, que ten como centro de referencia a Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura. Todas as bibliotecas que a conforman poden acceder ás achegas e contribucións da Consellería de Cultura e educación, tales como axudas para novas adquisiciónsou para actividades de animación á lectura. Ademais todas elas gozan de apoio técnico e asesoramento prestado pola Consellería, coa que manteñen un diálogo fluído en materia de proposta de novas iniciativas e actuacións apra a mellora do sistema bibliotecario galego.

Cómpre lembrar, ademais, que as liñas estratéxicas do sistema de bibliotecas de Galicia para o ano 2012 recollen a potenciación das bibliotecas da Rede, a través de axudas para a adquisición de novos fondos, o reparto nas bibliotecas da rede dos fondos de promoción do libro en galego e a dotación de coleccións básicas ás bibliotecas de nova creación.