A Consellería de Cultura e Educación aposta pola lectura como un dos máis importantes legados para as vindeiras xeracións na entrega do XVII Premio San Clemente no IES Rosalía de Castro

O director xeral de Centros e Recursos Humanos subliñou a “importancia crucial deste certame para xerar espazos de lectura entre a nosa mocidade”

A Consellería valora positivamente esta iniciativa, que reforza a liña de fomento da lectura desenvolvida a través do Plan LÍA 2010/2015 de Bibliotecas Escolares

Xov, 22/03/2012 - 20:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe no acto de entrega da XVII edición do Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente, organizado polo IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), un acto no que o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, salientou o amor pola lectura como “un dos máis importantes legados que chegou a vós inculcado polas vosas familias e o profesorado”.

A Consellería de Cultura e Educación valora moi positivamente iniciativas como a destes premios, que contribúen a reforzar a liña de fomento da lectura desenvolvida desde o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad a través do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares para a Lectura, a Información, e a Aprendizaxe. De feito, a biblioteca deste IES leva recibido da Consellería 5.600 euros para as actividades e actuacións de mellora dos seus fondos e club de lectura.

O director xeral salientou a importancia desta entrega de premios, “única no seu xénero, de importancia crucial para o universo literario e para xerar espazos de lectura entre a nosa xuventude”. Neste sentido explicou que grazas a certames como o organizado polo instituto compostelán “queda de manifesto que o noso alumnado le con moi bo criterio, con capacidade crítica e analítica. Con paixón”. “Dezasete anos levades xa, rapaces e rapazas do xurado – engadiu-, atraendo a Compostela a reputadas figuras da literatura nacional e internacional, que veñen a esta cidade convocados por vós, lectoras e lectores, polo voso interese nas súas obras, polo voso xenuíno amor polas historias que contan, que vos cativaron por riba de tantas outras”.

Deste xeito, e referíndose aos galardoados nesta edición, explicou que Xulia Alonso Díaz, Eduardo Mendoza e Colm Tóibín “sacaron do seu maxín novas e fantásticas historias e recollen hoxe o premio dun dos públicos máis esixentes, un dos máis difíciles de convencer, o dos adolescentes”.

O director xeral agradeceu á comunidade educativa do IES Rosalía de Castro o seu labor, “con iniciativas tan senlleiras como esta elevan o nome da nosa grande escritora, bandeira do seu centro”; así como a presenza dos autores e os editores, “por estar aquí, tan próximos ás rapazas e rapaces, deixándolles coñecer o lado máis humano dos creadores de soños”.

Xurado escolar

O xurado do Premio de Literatura Arcebispo Juan de San Clemente galardoou nesta XVII edición a Xulia Alonso Díaz, Eduardo Mendoza e Colm Tóibín, polas súas novelas Futuro imperfecto, Riña de gatos e Brooklin, respectivamente. Cómpre lembrar que este certame proponse converter a alumnos de Bacharelato en protagonistas á hora de outorgar un Premio Literario. Así o xurado está formado por alumnos de Bacharelato do propio IES Rosalía de Castro  e de catro institutos máis - elexidos por sorteo, un de cada provincia galega-, nesta ocasión o IES de Melide, o Enrique Murais (A Pontenova), o IES A Carballeira (Ourense) e o IES de Valga.

Ademais, nesta décimo sétima edición do premio participaron por vez primeira institutos de fóra de Galicia. Así, alumnado do IES Ramiro de Maetzu de Madrid leu as novelas candidatas en lingua española e os estudantes da Escola Secundaria Santa Comba, de Dao -en Portugal- leron as obras en lingua galega.