Aberto o prazo de inscrición nas probas que organiza Política Lingüística para obter a certificación de coñecemento de galego

A secretaría xeral realizará ao longo deste ano tres convocatorias de exames, que terán lugar nos meses de maio, outubro e novembro

Lun, 08/02/2010 - 08:50

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de facer pública a convocatoria das probas para a obtención dos certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4. O departamento que dirixe Anxo Lorenzo realizará ao longo deste ano tres quendas de exames, que terán lugar en maio, na comunidade galega; en outubro, en América; e, finalmente, no mes de novembro, en Galicia, no resto de España e en Europa. Os prazos para a inscrición nalgunha das tres convocatorias, segundo se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, rematan os días 25 de marzo, 30 de xuño e 8 de outubro, respectivamente.

Os lugares que acollerán a realización das probas na comunidade galega serán A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Vigo. No resto do España, os exames Celga terán lugar nas cidades de Barcelona, Bilbao, Cáceres, Granada, Madrid, Murcia, Salamanca, Vitoria e Alacante. No resto de Europa, tamén está previsto que se realicen as probas en diversas cidades distribuídas nos países de Alemaña, Francia, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, Reino Unido e Croacia. En América serán Arxentina, Brasil, Cuba e Uruguai os países onde terán lugar os exames.

Listaxe de admitidos

Na web de Política Lingüística, www.xunta.es/linguagalega, poderase consultar a listaxe provisional de admitidos e admitidas para cada un dos niveis -xunto coas localidades e os horarios-, trinta días naturais antes da data de realización das probas. A lista definitiva publicarase tamén na web da secretaría xeral quince días naturais antes de que teñan lugar os exames.

185 cursos de galego para preparar as probas Celga

Política Lingüística organizará ao longo deste ano un total de 185 cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis 1, 2, 3 e 4 do certificado de lingua galega. A convocatoria de cursos, publicada o pasado 11 de xaneiro no Diario Oficial de Galicia, vai dirixida a particulares (adultos), colectivos, entidades e/ou organización que conten cun mínimo de 25 persoas preinscritas para asistir aos cursos. A través destes cursos formativos, que son independentes das probas, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo aposta por desenvolver iniciativas formativas que aseguren unha capacitación lingüística plena e efectiva en galego nas distintas destrezas comunicativas.

Menús News node R