O secretario xeral de Cultura salienta o papel do novo xornalismo na transmisión da nosa identidade cultural na inauguración do encontro ‘Onde o mundo se chama Celanova’

Durante o encontro, que mañá clausura o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, celébranse conferencias sobre temas específicos de xornalismo

Sáb, 17/03/2012 - 12:15
Seminario de xornalismo da Fundación Curros Enríquez
Anxo Lorenzo inaugurou o seminario de xornalismo da Fundación Curros Enríquez

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inaugurou hoxe o I Encontro de Xornalismo 'Onde o mundo se chama Celanova’, que se celebra ata mañá en Celanova e que está organizado pola Fundación Curros Enríquez.

Durante a súa intervención Anxo Lorenzo destacou o talento de Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro, “poetas inconmensurables e prolíficos do xornalismo”, figuras de primeira magnitude, “que sitúan a Celanova, por medio da palabra, na canle da cultura compartida á que nos abrimos na actualidade”.

O secretario xeral de Cultura salientou o papel decisivo do novo xornalismo “na transmisión ao mundo da nosa mensaxe e da nosa identidade cultural”. “Que hoxe nos xuntemos aquí arredor destas dúas extraordinarias mentes creadoras, como son as de Curros e Celso Emilio, e que nos xuntemos nesta vila na que se deposita o mellor da nosa tradición e da nosa bagaxe cultural, paréceme unha oportunidade magnífica para afirmarnos na nosa convicción de que Galicia ten aínda moito potencial por desenvolver, no ámbito da comunicación e da cultura”, engadiu.

Ao longo dos dous días daranse conferencias sobre temas específicos do xornalismo así como relatorios nos que se dará conta da figura de Curros Enríquez na súa faceta más próxima ao xornalismo. Ao mesmo tempo, este encontro tamén recorda o labor dentro do mundo do xornalismo de Celso Emilio Ferreiro, do que este ano se celebra o centenario do seu nacemento.

O encontro

No acto inaugural tamén interveu o alcalde de Celanova e presidente da Fundación, Antonio Mouriño Villar. Posteriormente, o reporteiro de guerra en Croacia, Bosnia e na Segunda intifada palestina, Miguel Anxo Murado ofreceu o relatorio O xornalismo nos conflictos bélicos, hoxe. A continuación proxectouse o documental sobre a vida de Celso Emilio Ferreiro elaborada por Luís Menéndez Villalva. Xa pola tarde desenvolverase parte do programa Vén a coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio, e o día rematará cun concerto no auditorio municipal.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como patrón da Fundación Curros Enríquez apoia a organización deste encontro cuxo principal público é o alumnado da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela; o profesorado de ensinanza secundaria obrigatoria e de ensino medio; profesionais do xornalismo e público en xeral que se queira achegar tanto á profesión como a esta faceta de ambos os poetas galegos.