Román Rodríguez destaca a gran variedade da oferta de FP na I Feira de Educación, Formación e Emprego

O titular de Educación da Xunta pon en valor este tipo de citas por ser unha “ferramenta moi útil para o alumnado que ten que decidir o seu futuro formativo”

A feira componse de 33 stands, dos que 17 son de centros educativos da provincia

Ven, 24/05/2024 - 19:19
e

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a I Feira de Educación, Formación e Emprego de Lugo, “unha ferramenta moi útil para o alumnado que ten que decidir o seu futuro formativo”, afirmou.

A feira está dirixida a estudantes de Secundaria, Bacharelato, ciclos formativos ou universitarios, así como a profesionais do ensino e empresas do sector. Nela participan 33 centros de diferente índole, a través dos cales o Pazo de Feiras e Congresos de Lugo e a Xunta de Galicia queren proporcionar información, asesoramento e orientación aos asistentes para facilitarlles unha adecuada elección sobre o seu futuro educativo.

“É unha boa oportunidade para que o alumnado e as súas familias coñezan a ampla mostra de centros formativos que están ao seu dispor”, destacou o titular de Educación, quen incidiu na gran variedade de oferta educativa que ten a formación profesional galega.

Para amosar a diversidade de familias profesionais e ofertas dispoñibles no sistema educativo de Galicia, a Consellería está representada por 17 centros: os centros integrados de FP CIFP As Mercedes (Lugo), CIFP Politécnico de Lugo e CIFP Porta da Auga (Ribadeo); os institutos IES Monte Castelo (Burela), IES da Terra Chá (Castro de Rei), IES de Foz (Foz), IES Sanxillao (Lugo), IES Muralla Romana (Lugo), IES Lucus Augusti (Lugo), IES San Rosendo (Mondoñedo), IES A Pinguela (Monforte de Lemos), IES Marqués Sargadelos (San Cibrao) e IES Río Cabe (Monforte de Lemos); o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, o Conservatorio de Música Xoán Montes (Lugo), a Escola Oficial de Idiomas de Lugo e a Escola de Artes e Superior de Deseño Ramón Falcón.