O 91% do alumnado de Bacharelato que se presenta ás probas de competencias dixitais logra aprobalas

Román Rodríguez supervisa o desenvolvemento das probas entre o alumnado de 4º de ESO, que se veñen desenvolvendo na nosa Comunidade ao longo desta semana

Galicia é a primeira comunidade en habilitar este sistema específico para o ensino, acreditando o profesorado e os estudantes tal e como establece Europa

Ven, 24/05/2024 - 19:56
c

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, supervisou hoxe no Instituto IES Valadares o desenvolvemento das probas de competencia dixital do alumnado de 4º da ESO, que se veñen celebrando ao longo de toda esta semana en Galicia. “Estas probas servirán para que o alumnado que as supere poida acreditar o nivel superior”, sinalou o representante da Xunta, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.

Durante a visita, o conselleiro deu conta dos resultados das probas de acreditación dixital que se desenvolveron este curso en 2º de Bacharelato. En concreto, explicou que o 91% dos alumnos que se presentaron ao exame logrou superalo, “unha porcentaxe moi elevada” que lles permite obter o nivel B2 completo. Grazas a estas probas, un total de 6.264 reciben esta acreditación, moi relevante para a procura dun emprego no futuro de acordo co marco normativo establecido en toda Europa.

Galicia é a primeira comunidade autónoma en habilitar un sistema específico de acreditación de competencias dixitais para o ensino, procedemento que se puxo en marcha este curso e que beneficia tanto ao profesorado como aos estudantes. Grazas a el, todo o alumnado que remata a ESO obtén automaticamente o nivel A2 de iniciación en competencias dixitais, mentres que o que remata Bacharelato obtén o B2 parcial. Este é o nivel mínimo determinado polos currículos. A maiores, ofrécese unha proba para que os estudantes poidan demostrar un nivel superior en base aos coñecementos adquiridos.

“Esta aposta da Xunta está na liña dos obxectivos da UE de poder alcanzar no ano 2030 que un mínimo do 80% da poboación conte con competencias dixitais, algo polo que xa estamos traballando de cheo no sistema educativo galego”, engadiu Román Rodríguez.

O desenvolvemento das probas para acreditar o nivel intermedio consiste en superar cinco áreas: procura e xestión de información e datos, comunicación e colaboración, creación de contidos dixitais, seguridade e resolución de problemas.

Tamén en FP e outras ensinanzas

O alumnado de FP, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño e ensinanzas de Educación Secundaria e Bacharelato para persoas adultas tamén poderán acreditar en Galicia as súas competencias dixitais desde o sistema educativo. Os titulados nestas ensinanzas obterán un certificado de iniciación ou intermedio do seu desempeño neste eido, podendo acreditar as súas habilidades por tres vías: titular nunha das devanditas ensinanzas, superar unha proba específica ou combinando ambas opcións.

O obxectivo destas acreditacións é garantir a axeitada formación e preparación do alumnado e dos docentes para afrontar os novos retos da sociedade, enmarcado na Estratexia EduDixital 2030 que fomenta un modelo de aprendizaxe híbrido en Galicia, onde o dixital e o analóxico conviven e se complementan ao longo do ensino.

Máis de 20.000 docentes acreditados

No caso dos docentes, na primeira fase obtiveron a acreditación case 20.500 profesores e a previsión é que ata finais deste curso este número poida incrementarse ata preto de 30.000, dos cales estímase que máis de 10.000 incrementarán o nivel inicial acadado na primeira fase.