A Xunta e a Facultade de Ciencias da Educación da USC colaborarán na musealización dos seus fondos a través do MUPEGA

O conselleiro Román Rodríguez reúnese coa decana, María del Mar Lorenzo, para afondar en novas accións cooperativas co gallo do 50 aniversario da facultade

Ven, 24/05/2024 - 13:48
f

A Xunta de Galicia e a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) van colaborar na musealización de parte dos fondos da facultade a través do Museo Pedagóxico de Galicia, MUPEGA, dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional.

Así o acordaron esta mañá o conselleiro Román Rodríguez e a decana da Facultade de Ciencias da Educación, María del Mar Lorenzo, nunha reunión á que tamén asistiu o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez. Ademais desta colaboración, que se formalizará a través dun convenio específico, no decurso da xuntanza, o conselleiro tamén se comprometeu a que o seu departamento colaborará nos actos de celebración do 50 aniversario da creación da facultade.

Así mesmo, a Consellería de Educación vai dotar á facultade dun Polo Creativo como o que xa dispoñen os centros educativos galegos. Isto vai permitir que o alumnado universitario se vaia familiarizando con metodoloxías innovadoras a través destes espazos tecnolóxicos cos que contan os centros educativos galegos.