A Xunta ampliará o número de investigadores Oportunius con tres novas prazas para captar e reter talento científico

O conselleiro de Ciencia e Universidades, Román Rodríguez, reúnese cos integrantes deste programa que superará por primeira vez a vintena de participantes

“Reforzamos a nosa aposta por atraer ao sistema de I+D+i galego a investigadores que son referentes, ao tempo que facilitamos que persoas formadas nas nosas universidades poidan realizar a súa carreira investigadora en Galicia”, afirma

Mar, 21/05/2024 - 19:23
o

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse esta mañá cos investigadores que forman parte do programa Oportunius de xeración, retención, retorno e atracción de talento. Unha liña estratéxica de actuación que o Goberno galego ampliará este ano coa convocatoria de, polo momento, tres novas prazas de investigador distinguido para persoas beneficiarias dunha bolsa do Consello Europeo de Investigación (ERC).

Tal e como explicou o conselleiro, “esta nova convocatoria de prazas reforza a aposta da Xunta por atraer e retornar ao sistema de I+D+i galego a investigadores que son referentes nos seus respectivos eidos científicos, ao tempo que facilitamos que persoas formadas nas nosas universidades poidan realizar a súa carreira investigadora en Galicia”.

Non en balde, o programa brinda o impulso necesario de formación e asesoramento para acceder ás axudas do Consello Europeo de Investigación. Así mesmo, ofrece incentivos económicos para as persoas investigadoras que xa dispoñan dunha axuda ERC e elixan Galicia para desenvolver o seu proxecto científico.

Durante a reunión, na que participaron 11 dos 18 investigadores que forman parte do programa Oportunius, o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo.

Posición destacada en España

Román Rodríguez puxo en valor a excelencia da investigación en Galicia, que conta con 31 investigadores que obtiveron 39 axudas ERC, o que supuxo unha captación de fondos do ERC de 59,2 M€. “Máis da metade das persoas que obtiveron estas axudas, 18 deles, están contratados a día de hoxe pola Xunta de Galicia como investigadores distinguidos”, destacou.

Galicia é a sexta comunidade autónoma con maior volume de proxectos ERC e a segunda con maior taxa de éxito, é dicir, con maior porcentaxe de propostas efectivamente presentadas en relación ás financiadas. “O número de axudas do Consello Europeo de Investigación é un dos máis prezados indicadores de excelencia científica de países e rexións e pon de relevancia o talento e o liderado internacional do seu persoal científico”, explicou o conselleiro. “En definitiva, temos que sentirnos orgullosos dos nosos investigadores e imos seguir apoiándoos a través de liñas estratéxicas como o programa Oportunius”, afirmou.

Este apoio inclúe a todos os gañadores das ERC, aos 24 finalistas e as 270 propostas avaliadas e os máis de 465 participantes en 21 talleres formativos, o que supuxo un investimento total de máis de 13,8 M€ a 2023, desde a posta en marcha en 2014 do Oportunius.

Nova convocatoria

A nova convocatoria publicarase a finais de mes e terá por obxecto a cobertura, baixo a modalidade de persoal investigador distinguido, de tres prazas de investigador para persoas beneficiarias de bolsas do European Research Council (ERC).

As persoas que obteñan as prazas poderán desenvolver a súa actividade investigadora en Galicia, baixo a modalidade de persoal investigador distinguido, nas áreas das Ciencias Sociais e Humanidades e das Ciencias Físicas e enxeñaría. Farano nun organismo público de Investigación radicado en Galicia, a determinar pola persoa que ocupe o posto.