Román Rodríguez avoga por aproveitar as oportunidades da intelixencia artificial na formación do alumnado

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP inaugura o Seminario Transformación dixital e intelixencia artificial na educación, organizado pola Xunta e a Organización de Estados Iberoamericanos

O encontro conta coa participación de expertos de toda España, entre os que se atopa unha ampla representación galega

Mar, 21/05/2024 - 13:01
ia

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, inaugurou o Seminario Transformación dixital e intelixencia artificial na educación, organizado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Organización de Estados Iberoamericanos para a educación, a ciencia e a cultura (OEI). “Debemos aproveitar as oportunidades da intelixencia artificial na educación para impulsar a formación do alumnado e evitar, así, que se produza unha fenda dixital con respecto á propia actividade profesional”, apuntou Román Rodríguez.

Dirixido principalmente a profesores de Secundaria de todas as especialidades, este encontro aborda hoxe os desafíos educativos aos que se enfrontan docentes e alumnado na actualidade, para o que é necesario “realizar un traballo de reflexión e análise para que comprendamos a repercusión da intelixencia artificial, entendéndoa como unha ferramenta fundamental na innovación educativa”, engadiu o representante da Xunta.

Durante a súa intervención, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, puxo o foco na importancia desta integración paulatina a través das formacións docentes, xa que a “función última da educación é asegurar que o alumnado se integre positivamente na sociedade  e participe activamente nela, onde as novas tecnoloxías teñen un papel fundamental e, polo tanto, tamén deben telo nos centros educativos”.

Nesta materia, dixo o titular de Educación, “xa traballa o Goberno galego a través do programa de Polos Creativos, do proxecto EdugalIA, da acreditación de Competencia Dixital de alumnado e profesorado ou da implantación este curso das novas materias de Intelixencia artificial para a sociedade en 4º da ESO e Tecnoloxías intelixentes en 1º de Bacharelato”.

Programa e participantes

Coa participación de 14 expertos en investigacións sobre intelixencia artificial e a transformación dixital, a Consellería de Educación e a OEI buscan crear diálogos entre diferentes perfís investigadores e docentes de toda España con experiencia iberoamericana para adquirir novas ideas de aplicación nas respectivas comunidades autónomas. O encontro poderá seguirse de maneira online a través da canle de YouTube de Educación da Xunta.

Os asistentes coñeceron na mesa redonda Unha IA para todos ou todos para unha sola IA? IA, inclusión e o papel da tecnoloxía no aprendizaxe a opinión nesta materia da profesora de deseño dixital da Universidade Alfonso X, Clara Cordero; da investigadora do CiTIUS e profesora da Universidade de Santiago, Eva Cernadas; da coordinadora educativa en Escuela 21, Vanessa Lusa, e da enxeñeira Superior de Telecomunicacións, Beatriz Arias.

A responsable da liña de matemáticas e computación en EduCaixa, Marta García; o coordinador do máster de Liderado e Innovación Educativa da Universidade Ramón Llull, Miguel Ángel Prats; o catedrático e investigador en IA na Universidade da Coruña, Francisco Bellas; o investigador do Innovation Hub, Juan Freire, e o investigador do CiTIUS, Alejandro Catalá, falan sobre Non todo é IA: como saber se unha tecnoloxía serve na miña clase.

Pola súa parte, o catedrático da Universidade de Santiago na área de Ciencia da Computación e IA no CiTIUS, Alberto José Bugarín, expón ante o público as ideas da súa conferencia De que falamos cando falamos de intelixencia artificial Responsable?. O seminario remata coa mesa de diálogo Que significa ser docente na era da IA? da man do profesor da Universitat Politècnica de Catalunya, Toni Hernández; o profesor da Universidade Alfonso X, Vicent Gadea, e os docentes en intelixencia artificial, Josefa Paulos e Óscar Manuel Rey.

Este seminario educativo terá o seu colofón final o martes, 28 de maio, en horario de 16,00 a 19,00 horas de maneira online coa conferencia IA e ferramentas dixitais para ambientes innovadores de aprendizaxe impartido polo docente de matemáticas Álvaro Molina. Os asistentes poderán coñecer claves sobre o aprendizaxe automático na aula, metodoloxías activas, consideracións éticas e avaliacións con intelixencia artificial.