Expertos en intelixencia artificial de toda España reúnense en Santiago para abordar os desafíos educativos dos vindeiros anos

A Xunta de Galicia e a Organización de Estados Iberoamericanos (OEI) organizan un seminario dirixido a profesores de Secundaria de todas as especialidades

O encontro, que contará con mesas redondas e conferencias, celebrarase o martes na Escola Galega de Administración Pública (EGAP)

Entre os participantes atópase unha ampla representación galega, debido ao alto nivel da Comunidade nesta materia

Sáb, 18/05/2024 - 13:41
ia

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) será o epicentro o próximo martes, 21 de maio, do seminario Transformación dixital e intelixencia artificial na educación, organizado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Organización de Estados Iberoamericanos para a educación, a ciencia e a cultura (OEI). Dirixido principalmente a profesores de secundaria de todas as especialidades, este encontro abordará os desafíos educativos aos que se enfrontan docentes e alumnado na actualidade.

O seminario, que contará con mesas de diálogo e exposicións, ten como obxectivo servir como plataforma para poñer sobre a mesa estratexias e modelos educativos innovadores que promovan a redución da fenda de aprendizaxe e a fenda dixital. A cita prolongarase toda a mañá, comezando ás 09,30 horas coa benvida institucional e a presentación da xornada a cargo do xornalista Daniel Sousa.

Coa participación de 14 expertos en investigacións sobre intelixencia artificial e a transformación dixital, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e a OEI buscan crear diálogos entre diferentes perfís investigadores e docentes de toda España con experiencia iberoamericana para adquirir novas ideas de aplicación nas respectivas comunidades autónomas. Entre eles, destaca a ampla participación de galegos nesta xornada, debido ao gran potencial que existe na Comunidade nesta materia.

O compromiso do Goberno galego nesta materia tradúcese en numerosos proxectos educativos enfocados a asentar a tecnoloxía nas aulas e ser pioneiros en toda España. Entre as iniciativas máis destacadas atópanse EdugalIA, co que se busca incorporar a intelixencia artificial á xestión educativa e a que posiciona a Galicia como a primeira comunidade en integrar esta tecnoloxía na ensinanza, e os Polos Creativos, un elemento clave para a transformación dixital nos centros e cos que se traballan diferentes competencias entre o alumando.

Programa e participantes

Os asistentes somerxeranse de cheo na xornada coa primeira mesa de diálogo ás 09,45 horas baixo o título Unha IA para todos ou todos para unha sola IA? IA, inclusión e o papel da tecnoloxía no aprendizaxe. A profesora de deseño dixital da Universidade Alfonso X, Clara Cordero; a investigadora do CiTIUS e profesora da Universidade de Santiago, Eva Cernadas; a coordinadora educativa en Escuela 21, Vanessa Lusa, e a enxeñeira Superior de Telecomunicacións, Beatriz Arias, tratarán de achegar a realidade desta disciplina ao ámbito da educación.

Xa ás 11,30 horas será a quenda da mesa de diálogo Non todo é IA: como saber se unha tecnoloxía serve na miña clase coa participación da responsable da liña de matemáticas e computación en EduCaixa, Marta García; do coordinador do máster de Liderado e Innovación Educativa da Universidade Ramón Llull, Miguel Ángel Prats; do catedrático e investigador en IA na Universidade da Coruña, Francisco Bellas; do investigador do Innovation Hub, Juan Freire, e do investigador do CiTIUS, Alejandro Catalá.

Tras esta cita, ás 12,45 horas, o catedrático da Universidade de Santiago na área de Ciencia da Computación e IA no CiTIUS, Alberto José Bugarín, exporá ante o público as ideas da súa conferencia De que falamos cando falamos de intelixencia artificial Responsable?. O seminario rematará coa mesa de diálogo Que significa ser docente na era da IA? da man do profesor da Universitat Politècnica de Catalunya, Toni Hernández; o profesor da Universidade Alfonso X, Vicent Gadea, e os docentes en intelixencia artificial, Josefa Paulos e Óscar Manuel Rey.

Unha segunda parte online

Este seminario educativo terá o seu colofón final o martes, 28 de maio, en horario de 16,00 a 19,00 horas de maneira online coa conferencia IA e ferramentas dixitais para ambientes innovadores de aprendizaxe impartido polo docente de matemáticas Álvaro Molina. Os asistentes poderán coñecer claves sobre o aprendizaxe automático na aula, metodoloxías activas, consideracións éticas e avaliacións con intelixencia artificial.