A Xunta premia os Podcast sobre Luísa Villalta de centros educativos de Cedeira, A Estrada, Malpica, Santiago, O Rosal e Vigo

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita o Colexio CPI Manuel Suárez Marquier, no Rosal, que acada dous premios neste certame

A Radio Galega, que colabora no concurso, difunde os traballos premiados

Xov, 16/05/2024 - 15:56
p

A Xunta de Galicia vén de recoñecer o traballo de seis centros educativos cos premios do VI Concurso de Podcasts-Radio na biblio, que cada ano homenaxea ao autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas e desta vez se centra na figura da escritora, filósofa, violinista e activista Luísa Villalta. A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Centro Público Integrado Manuel Suárez Marquier do Rosal, que obtén dous premios (na modalidade de 5º e 6º de Primaria e na de 1º e 2º de ESO) para felicitalos polo seu traballo.

Os proxectos galardoados abordan aspectos biográficos e bibliográficos da autora homenaxeada, como o estímulo da lectura da poesía, a relación da literatura e a música ou as mulleres nas Letras Galegas e na literatura galega, entre outros.

A relación de centros galardoados é a reflectida na seguinte táboa:

Modalidade

Provincia

Concello

Centro

Podcast

Ed. Infantil

A Coruña

Malpica de Bergantiños

CEIP Milladoiro

Xogando con violinos

1º e 2º de Ed. Primaria

A Coruña

Cedeira

CEIP Nicolás del Río

Luísa Villalta. Veladas poéticas

3º e 4º de Ed. Primaria

Pontevedra

A Estrada

CEIP do Foxo

Teoría do xogo

5º e 6º de Ed. Primaria

Pontevedra

O Rosal

CPI Manuel Suárez Marquier

Luísa Villalta. Poesía e música

1º e 2º de ESO

Pontevedra

O Rosal

CPI Manuel Suárez Marquier

Mulleres no Día das Letras Galegas

3º e 4º de ESO

A Coruña

Santiago de Compostela

IES Arcebispo Xelmírez I

Luísa Villalta

Bacharelato

A Coruña

Santiago de Compostela

IES Arcebispo Xelmírez I

Luísa Villalta

Outras ensinanzas

Pontevedra

Vigo

CMUS Profesional de Vigo

Scherzo_RAP

 

Cada centro premiado recibe un premio de 1.250€, un 25% máis ca o ano pasado, que deberán destinarse a melloras na radio escolar ou actividades relacionadas ca mesma. A Radio galega colabora, un curso máis, neste certame. Deste xeito, os traballos premiados serán difundidos a través da páxina web da Radio Galega e na plataforma dixital A Galega Audio. Ademais, o alumnado galardoado terá a oportunidade de visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago de Compostela.

O concurso está dirixido aos 195 centros públicos participantes no programa Radio na Biblio, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, así como outros centros que traballan xa co laboratorio de radio como ferramenta pedagóxica, e enmárcase no Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2021/2025 de Bibliotecas Escolares.