A Consellería de Educación impulsará a FP Dual no Instituto de Valga con novos proxectos para o vindeiro curso

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visita o centro para avanzar sobre estas novas colaboracións

Xov, 16/05/2024 - 14:21
v

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou hoxe o Instituto IES Plurilingüe de Valga, do que destacou a súa aposta pola FP Dual, modalidade na que desenvolve un proxecto no ciclo de grao medio en Soldadura e caldeiraría. “Xa temos varias colaboracións avanzadas para iniciar novos proxectos de Dual para o vindeiro curso, que poderemos concretar nas próximas semanas e que supoñen un importante incremento da oferta respondendo ao tecido produtivo da zona”, explicou.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP salientou tamén o labor do centro á hora de achegar unha ampla oferta de ciclos formativos ao rural. Neste sentido, puxo en valor a especialización deste centro na familia profesional da Fabricación mecánica, da que imparte tanto o ciclo básico en Fabricación e montaxe como o medio de Soldadura e caldeiraría e o superior de Construcións metálicas.

Durante a súa visita, a directora xeral coñeceu o funcionamento das aulas de Agroxardinaría, das zonas de cultivo e dos talleres de Fabricación mecánica.