Román Rodríguez destaca o avance das universidades galegas no eido da internacionalización e aposta por seguir avanzando na consolidación do seu atractivo

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participa na inauguración das XXI Xornadas ‘Internacionalización e Cooperación’ da CRUE

Pon en valor a participación dos centros de investigación galegos en proxectos europeos, así como a organización da Conferencia sobre Intelixencia artificial

Lun, 06/05/2024 - 14:57
Vista aérea da mesa de relatores do escenario das Xornadas

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe o avance das universidades galegas no eido da internacionalización e a necesidade de seguir “concretando fórmulas que xeren un maior atractivo tanto para a confluencia de axentes internacionais como incluso de investimentos foráneos”.

 

Na inauguración das XXI Xornadas Internacionalización e Cooperación da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE), o titular do departamento educativo da Xunta explicou que Galicia “traballa de xeito incansable para fortalecer o desenvolvemento das súas universidades e por multiplicar as oportunidades da súa actividade cara ao resto da sociedade, con medidas como o establecemento dun plan de financiamento plurianual estable que incentiva os resultados e a rendición de contas”.

 

“A partir do próximo curso implantaremos a gratuidade da matrícula e, ademais, queremos ser a primeira Comunidade en alcadar unha inversión do 1% do noso PIB nas universidades”, salientou.

 

Mellora da visibilidade

“Os resultados destas dinámicas no plano internacional non son menores”, sinalou o conselleiro, poñendo como exemplo a participación do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) no proxecto EDINAF da Fundación Naval Dixital Europea.

 

Así mesmo, lembrou os 12 proxectos europeos de investigación acadados polo Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), ou o feito de que o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) sexa o encargado de organizar a 24º Conferencia Europea sobre Intelixencia Artificial, o maior e máis prestixioso encontro continental sobre la materia.

 

“Así as cousas, podemos afirmar que en Galicia medramos moito nos últimos anos no que atinxe ao impacto internacional e na aplicación directa de resultados sobre o tecido produtivo e no desenvolvemento social”, incidiu Román Rodríguez. “Aínda podemos mellorar máis a nosa visibilidade internacional e téndolles a man para seguir traballando para consolidar as nosas universidades como polos de tracción internacional para estudantes e investigadores”, rematou.

 

A Cidade da Cultura de Galicia acolle hoxe e mañá estas xornadas, que teñen como anfitrioas ás tres universidades públicas galegas, cun amplo programa de talleres, paneis de discusión e conferencias plenarias nas que se abordan os desafíos actuais no eido da internacionalización da Educación Superior, o impacto académico das  Alianzas de Universidades Europeas ou a mobilidade inclusiva, entre outros temas.