Román Rodríguez agradece o labor dos 300 docentes que participan nos grupos de traballo para a nova ordenación da FP

O conselleiro de Educación e Ciencia reúnese cos profesores que están a colaborar na elaboración da nova normativa para regular a FP e adaptala á nova lei estatal

“En Galicia traballamos para conservar a esencia e os principios da nosa FP, que ten xerado un modelo propio que funciona”, di o conselleiro

Xov, 02/05/2024 - 14:39
e

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, agradeceu hoxe o labor dos 300 docentes que participan nos grupos de traballo para a nova ordenación da FP. Fíxoo no marco dunha reunión con estes profesores para analizar os novos retos que supón a adaptación á lei estatal, tendo en conta que o Ministerio aínda non ten publicada a normativa básica pola que se terán que guiar as administracións autonómicas. 

Este primeiro encontro permitirá analizar como desenvolver tres áreas clave da FP, en concreto o reparto de horas de módulos profesionais que garantan o maior rendemento posible, a actualización dos contidos para que respondan ás necesidades do tecido produtivo e a revisión dos itinerarios formativos segundo o actual escenario profesional.

O responsable do departamento educativo da Xunta lembrou que o baleiro normativo do Ministerio non afecta só á ordenación da FP, senón tamén aos cambios que será preciso introducir en cada unha das titulacións. “Hoxe avanzamos nunha reflexión colectiva que buscará potenciar e reforzar canto levamos feito até o de agora e implementalo no vindeiro curso e facémolo da man de docentes que contan con sobrada experiencia tanto no eido académico como no desempeño estritamente profesional”, destacou.

Entre as novidades principais da nova lei estatal está a introdución de novos módulos, algúns de nova creación, outros en substitución dos xa existentes, o que vai demandar cambios en todos os ciclos. Ademais, increméntase ata un máximo de 700 as horas de formación en empresa, mantendo tamén a formación en centros e, polo tanto, as funcións e horarios do profesorado. Así mesmo, a Xunta vai duplicar a formación en inglés respecto do mínimo establecido polo Ministerio, co fin de que o alumnado da FP galega acaba os seus estudos sendo plurilingüe. 

“O noso obxectivo é que aplicación da lei posibilite manter a calidade do noso sistema de FP, lamentando as incertezas que está xerando a inacción do Goberno central co calendario que eles mesmo se marcaron”, sinalou Román Rodríguez. “En Galicia levamos tempo traballando para conservar a esencia e os principios da nosa FP, unha formación cunha altísima empregabilidade e que ten xerado nos últimos anos un modelo propio que funciona”, recalcou.