O Gaiás acolle mañá unha charla sobre os mitos e as evidencias do uso intensivo das pantallas

José César Perales, catedrático de Psicoloxía experimental da Universidade de Granada, ofrecerá este xoves un relatorio dentro do ciclo de Cultura Científica da Xunta

Mér, 01/05/2024 - 12:14
c

José César Perales, catedrático de Psicoloxía experimental da Universidade de Granada, protagonizará este xoves unha nova cita do Ciclo de Cultura Científica impulsado pola Xunta de Galicia baixo o título Tecnoloxía con sentidiño co fin de abordar temáticas como o uso desta nas aulas, a súa relación coa saúde infanto-xuvenil e a psicoloxía ou a Intelixencia Artificial, entre outros.

Nesta ocasión, a charla Mitos e evidencias sobre o uso intensivo de dispositivos e aplicación na rede terá lugar mañá, 2 de maio, ás 18,00 horas, na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura. Nela, o doutor en Psicoloxía analizará o que popularmente entendemos por adicción e se ese termo describe axeitadamente os problemas causados polo uso excesivo das redes sociais e outras aplicación en internet.

Neste senso, José Carlos Perales abordará a base científica e o temor de que o uso excesivo das tecnoloxías poida ser prexudicial para á saúde mental dos rapaces, así como a importancia de investigar todas estas cuestións de xeito sistemático e atendendo a algúns factores importantes para previr posibles problemas.

Charlas ata o mes de xuño

O programa de conferencias continuará ata o mes de xuño cun amplo abano de profesionais co obxectivo de ofrecer certezas e contribuír a unha reflexión seria, documentada e baseada en investigacións sobre o uso da tecnoloxía. Así, tras José César Perales será a quenda de Juanjo Montiel Pérez, enxeñeiro senior de software de Microsoft, que o vindeiro 16 de maio aportará unha ollada desde a discapacidade e a plena integración da tecnoloxía na conferencia Tecnoloxía e accesibilidade.