A Xunta incrementa un 31% o financiamento da rede de Investigación de excelencia, que suma cinco novos centros das tres universidades públicas galegas

Esta nova inxección de 23,6M€ permitirá que os 13 mellores centros da Comunidade gocen de estabilidade económica para desenvolver a súa actividade ata 2027

Incorpóranse o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA da UDC) e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS da USC), que se suman aos oito que renovan a súa participación nesta alianza

Créase unha nova categoría de centros aspirantes, tamén financiados, co CITEEC da Universidade da Coruña e o CINTECX e o ECOBAS, ambos da UVigo

Esta acción enmárcase no Plan iTransfer de Promoción da Investigación e da Transferencia do Sistema Universitario de Galicia, dotado con 104M€ no 2024

Lun, 29/04/2024 - 17:45
c

O Consello aprobou hoxe incrementar un 31% o investimento da Xunta de Galicia na Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia e incorporar cinco novos centros á mesma, dous na máxima categoría e tres na nova categoría de colaboradores, que aspiran a entrar nos vindeiros anos e que tamén recibirán financiamento autonómico.

Os novos centros co máximo recoñecemento son o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela. Pola súa banda, a segunda categoría estréase co Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) e o Economics and Business Administration for Society (ECOBAS), ambos da Universidade de Vigo.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vai destinar case 23,6M€ para o financiamento destes 13 centros de investigación, o que lles vai permitir gozar de estabilidade económica para desenvolver a súa actividade ata 2027. Así mesmo, formarán parte desta rede que concentra a calidade da investigación universitaria galega e na que traballan máis de 1.530 investigadores. Constitúe un piar básico do ecosistema científico galego e unha prioridade para o Goberno autonómico, que vén de reforzar as competencias de ciencia na nova estrutura do presidente Alfonso Rueda.

Os restantes oito Centros de Investigación Universitaria de Galicia veñen de renovar tamén a súa acreditación de excelencia. Trátase dos seguintes: pola Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), o Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE); pola Universidade de Vigo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións (AtlantTTic), o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIM), e pola Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC).

Ese apoio consolida o modelo galego de investigación universitaria, que sitúa a Galicia entre as cinco mellores autonomías do Estado en apoio á actividade investigadora. De feito, é a única Comunidade cun programa completo de formación investigadora, é dicir, para as etapas predoutoral e posdoutoral, e cun programa de retención de talento.

A Rede de Centros de Investigación Universitaria transforma a potencia individual dos centro máis avanzados do sistema nunha gran forza colectiva mediante a posta en marcha de accións estratéxicas e coordinadas que contribúen a consolidar a súa excelencia, a incrementar o seu impacto social no benestar, na saúde ou na economía, e a situar a Galicia como referente científico no panorama nacional e internacional.

Avaliación externa

Para optar a esta acreditación, os centros debían cumprir diversos requisitos como ter financiamento na convocatoria previa do ano 2019 e superar o procedemento de avaliación final; obter unha axuda no programa estatal de Centros Severo Ochoa ou María de Maeztu, e outros referidos a súa gobernanza, estrutura, financiamento, calidade científica e transferencia de resultados establecidos na convocatoria.

A acreditación da excelencia dos centros realizouse a partir das valoracións feitas por un comité externo en base a tres grandes dimensións: Organización e goberno (estratexia, gobernanza e estrutura organizativa, xestión do talento, financiamento e infraestrutura), Calidade da investigación (proxectos, produción científica, colaboración interna, recoñecementos, transferencia e internacionalización) e Relevancia para a sociedade (investigación e innovación responsable, servizos e comunicación).

De acordo con estes criterios, o financiamento para cada un dos centros é o seguinte:

Universidade

Centro de investigación

Importe
da axuda

Universidade da Coruña

Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC)

2.126.666,67 €

Universidade da Coruña

Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA)

1.906.666,67 €

Universidade de Santiago de Compostela

Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS)

3.006.666,67 €

Universidade de Santiago de Compostela

Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE)

2.918.666,67 €

Universidade de Santiago de Compostela

Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS)

2.786.666,67 €

Universidade de Santiago de Compostela

Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS)

2.434.666,67 €

Universidade de Santiago de Compostela

Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS)

1.598.666,67 €

Universidade de Vigo

Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación(AtlanTTic)

1.818.666,67 €

Universidade de Vigo

Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO)

1.774.666,67 €

Universidade de Vigo

Centro de Investigación Mariña(CIM)

1.466.666,67 €

 

No caso dos centros da segunda categoría, denominados Centros de Investigación Colaborativos, na senda da excelencia, o financiamento basal outorgado é o seguinte:

Universidade

Centro de investigación

Importe
da axuda

Universidade da Coruña

Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEC)

695.402,29 €

Universidade de Vigo

Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX)

644.827,59 €

Universidade de Vigo

Economics and Business Administration for Society (ECOBAS)

404.597,71 €

Plan iTransfer

Este nova inxección económica enmárcase no Plan iTransfer de Promoción da Investigación e da Transferencia do Sistema Universitario de Galicia, dotado con 104M€ no 2024, un 16% máis, para o desenvolvemento de accións estruturadas en tres eixos que son o reforzo do talento científico, o funcionamento das estruturas de investigación e a mellora de equipamento e persoal de apoio.

O obxectivo deste plan é impulsar a investigación en excelencia feita en Galicia e promover que os avances xerados polo persoal investigador se convertan en solucións efectivas aos retos de futuro. Cómpre lembrar que as universidades públicas representan o maior ecosistema de investigación e transferencia de coñecemento da comunidade autónoma, con preto de 7.700 investigadores.

En concreto esta acción forma parte do segundo eixo de actuación do plan, de estruturas de investigación que inclúe os programas de apoio á consolidación e estruturación dos grupos científicos máis punteiros, a acreditación de excelencia para os centros de investigación e a especialización e acreditación dos campus.