O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Museo Etnolóxico de Ribadavia participan nunha exposición en liña que pon en valor o papel da muller
A Consellería de Cultura e Educación colabora a través destes dous museos no catálogo temático Ausencias e silencios, promovido pola Rede Dixital de Coleccións de Museos de España no marco da iniciativa Patrimonio en Feminino
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e do Museo Etnolóxico de Ribadavia, participa na exposición en liña Ausencias e silencios, unha iniciativa promovida pola Rede Dixital de Museos de España que busca contribuír á posta en valor do papel da muller ao longo da historia.
Xunto con estes dous museos da Xunta de Galicia, outros 24 centros da Rede Dixital de Coleccións de Museos de España achegaron os 65 bens culturais que forman parte da mostra virtual e que lle permiten ao usuario realizar un percorrido por aqueles ámbitos nos que a actividade feminina estivo ausente ou foi silenciada ao longo da historia.
As pezas dos museos galegos
A exposición articúlase arredor de cinco grandes áreas temáticas: autoridade e poder, educación e ciencia, creación e espectáculo, traballo e labor, e dereitos e igualdade. O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense participa na exposición no apartado de dereito e igualdade, coa tábula de Castromao, unha peza rectangular de bronce que constitúe un claro exemplo da ausencia da muller no mundo do dereito público e político no imperio romano.
Pola súa banda, o Museo Etnolóxico participa na mostra con tres fotografías dos seus fondos, unha delas na área de ciencia e educación, outra na área de creación e espectáculo e a terceira en traballo e labor.
O catálogo da exposición en liña, que pode consultarse no sitio web http://www.mcu.es/museos/MC/PatrimonioFemenino/PatrimonioFemenino.html, forma parte de Patrimonio en Feminino, unha iniciativa coordinada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte que foi creada no ano 2011 co obxectivo de darlle visibilidade ao papel das mulleres en diferentes culturas, civilizacións e períodos históricos.