O conselleiro de Cultura e Educación salienta a XXI Festa do Ourizo de San Cibrao como elemento para a promoción do patrimonio cultural enogastronómico da Mariña occidental

Xesús Vázquez Abad abriu o programa de actos desta Festa de Interese Turístico

Sáb, 10/03/2012 - 13:30
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, na clausura da XXI Festa do Ourizo de San Cibrao (Cervo, Lugo)

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe a XXI Festa do Ourizo de San Cibrao (Cervo, Lugo), como “elemento para a promoción do patrimonio cultural enogastronómico da comarca”. Na súa intervención na clausura das XII Xornadas Técnicas sobre o ourizo, nas que estivo acompañado pola delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias; e polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares; Vázquez Abad gabou a traxectoria desta festa declarada de Interese Turístico Galego no ano 2008, e que chega hoxe á súa vixésimo primeira edición. “Máis de dúas décadas é tempo suficiente para ponderar a gran importancia que esta cita gastronómica ten para San Cibrao, para o concello de Cervo, para a Mariña occidental e, como non, para Galicia, como elemento dinamizador do turismo”.

Neste sentido o conselleiro destacou a beleza “desta terra máxica que é a Mariña occidental. Un territorio con numerosísimos atractivos naturais, patrimoniais e, por suposto, gastronómicos, digno de ser coñecido por todo o mundo”.

Ademais, Vázquez Abad felicitou aos organizadores da festa, que “só é posible grazas a un traballo conxunto entre o Concello, os profesionais da hostalaría,a  confraría de pescadores e os axentes culturais locais. Parabéns a todas e a todos polo bo traballo conxunto a prol da promoción do ourizo e do progreso do voso concello”.

Programa de actividades

O programa de actividades cos que se realizará a exaltación deste froito do mar, e que comezou coa XII Xornada Técnica sobre o Ourizo, un encontro no que o xefe de coordinación da área do Mar da Consellería do Medio Rural e do Mar, Vicente Prieto, expuxo o Plan de rexeneración do ourizo na Mariña. Así mesmo, o subdirector xeral de Pesca e mercados da Pesca da devandita Consellería, Antonio Rodríguez, impartiu un relatorio arredor da valorización dos produtos da pesca.

A festa continuará co XI Concurso Gastronómico do Ourizo e cunha degustación de especialidades nos locais participantes, amenizado por pasarrúas e actuacións musicais.

Menús News node R

Tema