A Sala Capitol acolle este martes o concerto de The Jon Spencer Blues Explosion como inicio do ciclo Galicia Importa 2012

A de Santiago será a primeira das tres únicas actuacións que o trío de Nova York, considerado o impulsor do blues punk, ofrece en España dentro da súa xira europea

O líder dos Sonic Youth, Thurston Moore, tocará ao día seguinte no Ágora da Coruña para presentar en directo os temas do seu último disco en solitario.

Dom, 11/03/2012 - 10:07
A Sala Capitol acolle este martes o concerto de The Jon Spencer Blues Explosion
A Sala Capitol acolle este martes o concerto de The Jon Spencer Blues Explosion como inicio do ciclo Galicia Importa 2012

A quinta edición do ciclo Galicia Importa arranca este martes 13 en Santiago co concerto que The Jon Spencer Blues Explosion ofrecerá a partir das 21.00 horas na Sala Capitol. Esta será a primeira das tres únicas citas co público español que o trío de Nova York, considerado o impulsor do blues punk, ten previstas dentro da súa actual xira europea.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), patrocina esta iniciativa da produtora viguesa Sweet Nocturna, no marco da que o mércores 14 actuará no Centro Cultural Ágora da Coruña o líder dos Sonic Youth, Thurston Moore, quen presentará en directo os temas do seu cuarto álbum en solitario.

Vinte anos nos escenarios

Jon Spencer (voz e guitarra), Judah Bauer (guitarra e voz) e Russell Simins (batería) son The Jon Spencer Blues Explosion, banda que comezou a súa traxectoria nos primeiros anos noventa. En 1994 editaban o seu frenético Orange, disco no que xa confirmaban a súa visceral e contundente revisión do rock’n’roll de raíces negras. Co paso dos anos, os seus discos posteriores e os seus numerosos concertos por todo o mundo teñen acrecentado a súa fama de apisoadora do raw rock’n’roll.

Baixo o liderado de Jon Spencer –quen tamén estivera á fronte da banda de culto Pussy Galore, ademais de participar noutras interesantes propostas como Boss Hog ou Heavy Trash–, o trío ofrece sobre o escenario un blues-rock “garaxeiro”, sucio e potente, pero executado con estilo e sofisticación. A súa apostura sensual e desafiante, os seus arrebatos e os seus riffs de blues valéronlle a Spencer a consideración de pioneiro na revolución das raíces do rock, que tería despois numerosos seguidores.

O festival Primavera Sound 2011 acolleu en exclusiva a súa última visita a España, nun concerto que congregou máis de 6.000 persoas. Agora, Santiago é a primeira parada española da nova xira que The Jon Spencer Blues Explosion está a desenvolver en recintos de aforo máis reducido e dentro da que tocará tamén na sala Joy Eslava de Madrid e na Bikini de Barcelona.

As entradas para o seu concerto do martes poden adquirirse na Reixa Tenda de Santiago, así como nos centros Carrefour, FNAC, Tiendas Tipo e Halcón Viajes. Tamén está dispoñible a venda en liña a través das seguintes webs: www.salacapitol.com, www.ticketmaster.es, www.breakpoint.es e entradas.novagaliciabanco.es. O seu prezo é de 18 euros (máis gastos de xestión) en venda anticipada e de 22 euros no despacho de billetes da Sala Capitol.

Menús News node R

Tema