A Xunta financiará as probas para que 5.500 alumnos poidan acreditar oficialmente o seu nivel de idiomas

O Goberno galego destina 550.000€ a sufragar o custo das probas de certificación en idiomas para 4º de ESO, Bacharelato e FP nos niveis B1, B2 ou C1

Apoiará ás familias cunha achega de 100€ para costear os exames

Esta acción enmárcase na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, que contempla un paquete de medidas para a mellora destas competencias entre o alumnado

Lun, 15/04/2024 - 22:27
c

O Goberno galego impulsa o Programa de Acreditación en Linguas Estranxeiras, de xeito que este curso un total de 5.500 alumnos de 205 centros de toda Galicia poderán certificar as súas competencias lingüísticas en diferentes idiomas a través de probas de específicas financiadas pola Xunta.

O Consello analizou un informe da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades sobre este programa enmarcado na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras (EDUlingüe 2030) para o fomento e a mellora do plurilingüismo no ensino non universitario, na que se contemplan medidas e accións para a mellora da competencia lingüística do alumnado galego noutros idiomas.

Ao abeiro deste programa, a Consellería de Educación habilita unha partida de 550.000€ para o financiamento destas probas, cunha contía de 100€ por alumno, que vai destinada a sufragar o custo das probas das destrezas orais e escritas que realicen estudantes de 4º de ESO, Bacharelato ou FP para certificar os niveis B1, B2 ou C1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, correspondentes cos niveis intermedio e avanzado.

Inglés, francés, portugués e alemán

Cada alumno pode matricularse nunha proba dunha lingua estranxeira que será, preferentemente, a que curse como primeira lingua estranxeira. Isto é, inglés, francés, portugués e alemán. O estudante, previa orientación do profesorado, poderá decidir o exame ao que se presenta e coñecerá con antelación as características da mesma.

A organización e xestión das probas é competencia exclusiva do centro educativo, que deberá seleccionar o alumnado candidato ás probas, o nivel da proba á que se presenta e as institucións ou empresas certificadoras oficialmente recoñecidas a través da cal as realiza.

Modelo plurilingüe consolidado

O modelo plurilingüe implantado pola Xunta -que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira- comezouse a aplicar no curso 2010/11 para as etapas de educación obrigatoria, isto é, de Primaria e ESO. Xa a partir do curso 17/18, a Consellería de Educación ampliouno ás etapas de Infantil, Bacharelato e Formación Profesional e hoxe é un programa consolidado.

No actual curso 2023/24 hai un total de 500 centros plurilingües, que contan co apoio de 655 auxiliares de conversa nativos de ata 22 nacionalidades distintas que imparten clases nestes centros.

No caso do Programa de Acreditación da Competencia Lingüística en Linguas Estranxeiras, a Consellería de Educación implantouno por primeira vez no ano 2018 como experiencia piloto para os centros plurilingües e no ano 2021 ampliouse a todo os centros educativos que imparten ESO, Bacharelato e FP.

Canto ás certificacións realizadas, o pasado curso 2022/23, a meirande parte dos alumnos certificados fixérono na lingua inglesa (máis do 90%), seguido de francés, portugués e alemán. Por nivel de acreditación, a maioría acadaron o nivel B2 de Inglés (o 41%) seguido do B1 de inglés (o 36%).