O CDG inicia un novo período de actividade coa produción de As Furias e a programación de máis de 40 funcións no Salón Teatro

Andrés Lima dirixirá esta montaxe, a partir de catro textos do norteamericano Neil LaBute que interpretará un elenco de sete actores e actrices

O Centro Dramático Galego presentou a nova carteleira do seu espazo compostelán, que inaugura mañá a compañía madrileña La Tristura con “Materia prima” e na que figuran tamén outros 16 espectáculos escénicos e musicais

Xov, 08/03/2012 - 17:02

Vídeo coas declaracións do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo

Presentación da actividade do CDG
Presentación da actividade do CDG

O Centro Dramático Galego (CDG) estreará o 7 de setembro no Salón Teatro de Santiago a súa próxima produción, As furias, que ofrecerá catro textos do norteamericano Neil LaBute baixo a dirección escénica de Andrés Lima, recoñecido como un dos principais renovadores da actual escena española polo seu traballo xunto á compañía Animalario. No mes de xullo darán comezo os ensaios deste novo espectáculo, para o que se seleccionará un elenco de sete actores e actrices, segundo confirmou Blanca Cendán, directora da compañía dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

No novo plano de actividade do CDG presentado hoxe en rolda de prensa figuran, así mesmo, as máis de 40 funcións escénicas e musicais que programa o Salón Teatro ata mediados de xuño e a continuidade do labor formativo dirixido aos profesionais da escena. Xunto con Blanca Cendán, participaron nesta presentación Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Juan Carlos F. Fasero, director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais); e Pablo Fidalgo, artista e creador vigués integrante de La Tristura, que inaugura mañá venres 9 a nova carteleira do escenario compostelán.

Anxo Lorenzo subliñou durante a súa intervención que, coa actividade do CDG para os próximos meses, “queremos seguir dando pequenos pasos adiante no camiño da dinamización e do fortalecemento das artes escénicas de Galicia”. O secretario xeral tamén  incidiu nas características deste novo período de actividade, “que dan mostra do interese por manter o apoio á produción dramática galega e por garantir a pluralidade e posta en escena das nosas disciplinas artísticas”.

Pola súa banda, a directora do CDG detallou os contidos deste novo calendario, que inicia mañá ás 20.30 horas a compañía madrileña La Tristura cunha única función da montaxe de teatro e danza Materia prima. O espectáculo, que conta coa singularidade de estar interpretado por nenos de 10 anos a pesar de se dirixir a un público adulto, visita Galicia grazas á colaboración entre o Centro Dramático e o Festival ALT de Vigo.

A continuación, as formacións galegas asumirán o protagonismo desta programación, que presenta outros nove espectáculos de teatro, danza contemporánea e cabaré, así como a gala de entrega do VI Diario Cultural de Teatro Radiofónico e unha nova edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario, organizada pola Universidade de Santiago de Compostela.

Catro pezas para unha unidade traxicómica

Blanca Cendán avanzou que, ao tempo que mantén a actividade no Salón Teatro, a compañía pública traballa xa na preprodución de As furias. O director madrileño Andrés Lima, gañador de tres premios Max e do Premio Nacional de Teatro en 2005 con Animalario, compañía da que é integrante e director habitual das súas montaxes, asinará tamén a dramaturxia dos catro textos do director de cine, guionista e dramaturgo Neil LaBute –The Furies, Helter Skelter, Iphigenia in Orem e Medea Redux– que darán forma a esta nova proposta. Trala súa estrea, o espectáculo permanecerá dous meses en cartel na sede do CDG. 

Vida de parella, amor, desamor, celos, sospeita, desconfianza, paixón desmedida, angustia vital, precariedade laboral e moito humor son os ingredientes destas catro pezas curtas, que conforman unha unidade traxicómica para definir con precisión as relacións afectivas.

Ata que dean comezo os ensaios deste próximo espectáculo do Centro, o Salón Teatro continuará erguendo o seu pano para dar cabida ao amplo abano de propostas multidisciplinares que configuran a súa programación ata xuño. Mañá será a quenda de Materia prima, que acaba de ser seleccionada como candidata por Madrid aos Premios Max 2012 dentro da categoría de Mellor Espectáculo Revelación.

Actores de 10 anos

Este espectáculo é o resultado dun estudo sobre a herdanza, a educación e o futuro da xeración dos oitenta, que comezou en 2004 coa obra Actos de juventud, a anterior produción de La Tristura interpretada daquela polos seus creadores, catro mozos duns 25 anos de idade: Itsaso Arana, Pablo Fidalgo, Violeta Gil e Celso Giménez. Agora cédese o contido autobiográfico e o testemuño xeracional a rapaces nacidos despois do ano 2000, de xeito que catro cativos de 10 anos –Lucía Oña, Gonzalo Herrero, Siro Ouro e Candela Recio– son os protagonistas da peza.

Canto ao teatro galego, ofreceranse sete espectáculos a cargo doutras tantas compañías, entre as que hai formacións consagradas, outras de recente ou nova creación, unha estrea absoluta, un espectáculo de cabaré e outro de teatro de rúa. A primeira achega galega preséntase da man de Teatro de Ningures, que estará no Salón Teatro do 16 ao 18 de marzo coa montaxe 0,7% Molotov, pola que o seu director Santiago Cortegoso é finalista ao Premio Max 2012 ao mellor autor teatral en galego.

A directora do CDG facilitou os principais detalles desta programación, dentro da que Producións Teatrais Excéntricas porá en escena do 20 ao 22 de marzo o seu Oeste solitario, montaxe que tamén opta aos Premios Max na categoría de mellor espectáculo revelación como candidata por Galicia, mentres que a nova compañía O Fantabuloso Cine Ambulante dos Irmáns Lumieira presentará os días 28 e 29 de abril o seu espectáculo de debut, Sesión Nº 1, dedicado ao mundo do slapstick, o xénero cómico por definición da era do cine mudo.

Estrea de Pífano Teatro

Pífano Teatro estreará os días 11, 12 e 13 de maio Winnie son eu, traxicomedia existencial escrita e dirixida por María Armesto que conta con Mela Casal no papel protagonista. Xa en xuño, Gayo Pinheiro –o dúo formado por Clara Gayo e Iria Pinheiro– representará os días 1 e 2 a súa primeira proposta escénica, Área de descanso, inspirada no código do cabaré, e a compañía Obras Públicas proporá aos espectadores 60 minutos de música, fútbol e teatro con O fútbol é así(8, 9 e 10 de xuño).

A oferta escénica inclúe, asemade, a gala de entrega do VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que terá lugar o 15 de maio no marco dunha nova edición do denominado espazo radioescénico, así como a Ronda Poética. O Batallón Literario da Compañía Femme Fatale, que se desenvolverá no Día das Letras Galegas a modo de teatro da rúa. Tamén no mes de maio, do 21 ao 30, o Salón Teatro repetirá como sede da Mostra Internacional de Teatro Universitario da USC.

Os seguidores da danza contemporánea terán tamén dúas citas neste espazo: a creadora e coreógrafa Mónica Garcíainterpretará o 30 e 31 de marzo o só de danza La velocidad de las cosas, mentres que o 4 e 5 de maio a compañía Entremans representará Blondy’s coffee. Peza soa para dúas mulleres.

Ampliación de ST Música Presente

Canto á música, o grupo Liorna abrirá o 22 de marzo unha nova entrega do ciclo de concertos promocionais "ST Música Presente" que, segundo destacou o director da Agadic, “incide na profesionalización do sector pensando, neste caso, nas empresas discográficas”. Fasero explicou que esta cuarta edición de ST desenvólvese mediante un acordo coas produtoras fonográficas e terá continuidade nas salas da Rede Galega de Música ao Vivo con outros 40 concertos este ano. O responsable da Agadic reivindicou o valor do disco, que a pesar da perda do seu valor comercial nos últimos anos, mantén –asegurou– o seu “valor como elemento de presentación artística”.

Riobó (26 de abril), Borja Cao Trío (10 de maio), Ugía Pedreira&Fred Martins (7 de xuño) e Loaira (14 de xuño) completan o novo cartel de ST Música Presente. Tamén dentro da oferta musical, o Coro da Rá presentará os días 16 e 17 de xuño o seu novo repertorio.

Ademais, o CDG retoma neste mesmo período o programa de formación continua para profesionais da escena da man do autor, actor e director italiano Massimo Malucelli, quen a mediados de abril impartirá o curso "A commedia dell'arte e as técnicas da comedia”, con todas as prazas esgotadas desde o primeiro día de inscrición.

Venda de entradas

As entradas para asistir aos espectáculos programados no Salón Teatro póñense á venda na súa billeteira, que abre dúas horas antes do comezo de cada representación. O prezo habitual das localidades é de 10 euros, con descontos para determinados colectivos, e de 5 euros para as funcións do domingo, día do espectador. No caso das montaxes Materia prima e 0,7% Molotov, xa está dispoñible a venda anticipada a través do teléfono 902 43 44 43 e da web http://entradas.novagaliciabanco.es.

Menús News node R

Tema