Román Rodríguez anuncia que a Xunta prepara un proxecto para a rehabilitación integral do instituto Alfredo Brañas de Carballo

O conselleiro de Educación en funcións inaugura o novo salón de actos deste centro, que conta cun investimento de case 270.000€ do seu departamento

A Consellería ten encargado o proxecto para a remodelación do centro, unha obra cun investimento estimado de 1,5M€ que podería licitarse a partir de 2025

Mar, 02/04/2024 - 13:54
c

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, anunciou hoxe que a Xunta está a preparar un proxecto para a rehabilitación integral do Instituto IES Alfredo Brañas de Carballo. Nunha visita para inaugurar o novo salón de actos, o representante da Xunta explicou que o seu departamento ten xa encargado o proxecto para remodelación do centro, unha obra cun investimento estimado de 1,5M€ que podería licitarse a partir de 2025.

No referido ao novo salón de actos, que contou cun investimento de case 270.000€, Román Rodríguez explicou que con esta actuación se dá resposta a unha demanda do centro. “Grazas a esta reforma, o instituto conta agora cun espazo dotado de todo o necesario para que a comunidade educativa poida celebrar aquí diversos actos e reunións, dos que hoxe imos ver un pequeno adianto”, destacou Román Rodríguez.

Non en balde, varios alumnos do centro interviñeron no acto varios estudantes, que ofreceron actuacións musicais. Ademais, o director do Hospital Materno Infantil da Coruña, Alejandro Ávila, os actores Rober Bodegas e María Tasende e o catedrático de Física da Universidade de Santiago de Compostela Jorge Mira enviaron vídeos falando do seu paso polo instituto, do que foron alumnos no seu momento

A intervención incluíu a substitución do falso teito, mellora da acústica, acabados e instalacións básicas, cambio de pavimento, instalación de paneis de madeira pintados e renovación da instalación eléctrica. Ademais, mellorouse a accesibilidade do espazo, mudáronse as butacas e redeseñouse o palco superior.

Investimento de 1,7 M€

O conselleiro en funcións lembrou que a Xunta investiu nos centros educativos de Carballo un total de 1,7M€ desde 2009. “Ademais, neste momento temos en marcha a instalación dunha caldeira de biomasa no Instituto IES Monte Neme, cun investimento de máis de 400.000€, que está en adxudicación”, indicou.

Estas actuacións enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta para renovar os 1.600 edificios que forman os máis de 1.000 centros educativos galegos e adaptalos ás necesidades do ensino do século XXI, ao tempo que se mellora a súa eficiencia enerxética e o confort da comunidade escolar.