‘A mocidade é un dos principais retos para a lingua galega’, afirma o secretario xeral de Política Lingüística nos XIV Encontros para a Normalización Lingüística

Valentín García inaugurou o foro anual de referencia para os profesionais técnicos da dinamización lingüística organizado polo Consello da Cultura Galega

No marco destes Encontros, a Xunta de Galicia presentará o informe ‘Mocidade, linguas e redes sociais’, da man do profesor Fernando Ramallo

Xov, 08/03/2012 - 11:50
Inauguración das xornadas
Inauguración das xornadas

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, participou hoxe pola mañá na inauguración dos XIV Encontros para a Normalización Lingüística.

Un evento organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) a través do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG), e que nesta ocasión se centran na relación entre a lingua galega e a mocidade. O secretario xeral, que estivo acompañado polo presidente do CCG, Ramón Villares; polo director do CDSG, Henrique Monteagudo e polos representantes das coordinadoras de normalización da lingua Valentina Formoso e David Barro, sinalou que “a mocidade constitúe un dos principais retos para a lingua galega, así como o sector da poboación onde se fai máis necesaria unha actuación planificada para promover o uso do idioma”.

Neste sentido, Valentín García destacou que “é o da mocidade un dos ámbitos prioritarios da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a dinamización social da nosa lingua” e dixo que “existen numerosas liñas de actuación para promover o uso do galego na xente nova postas en marcha dentro das medidas establecidas no Plan Estratéxico Xuventude 2013, da Xunta de Galicia”. Do mesmo xeito tamén fixo mención ao importante labor en prol da dinamización lingüística na mocidade desenvolvido polos Equipos de dinamización da lingua galega desde os centros educativos.

No marco destes Encontros, Fernando Ramallo presentará mañá o informe da Secretaría Xeral de Política Lingüística Mocidade, linguas e redes sociais, un documento de referencia na planificación de liñas de actuación futuras dirixidas á dinamización lingüística na xente nova no ámbito das redes sociais. O programa dos XIV Encontros para a Normalización Lingüística pódese consultar no enlace web http://www.consellodacultura.org/mediateca/extras/cdsg_encontros_14.pdf

Colaboración estable co CCG

A Xunta de Galicia e o CCG veñen de asinar esta semana un acordo de colaboración estable en materia de promoción da lingua galega, que complementa outras liñas de colaboración en diferentes proxectos que ten en marcha a Xunta de Galicia, como son as celebracións do Ano Celso Emilio Ferreiro e ou a das Letras Galegas 2012, dedicadas a Valentín Paz-Andrade. Con este novo acordo de colaboración a Xunta de Galicia dálle continuidade ao apoio establecido co CCG por parte do Goberno galego desde o ano 2010.

Menús News node R