A Xunta reparte nos Polos Creativos un ‘kit’ con materiais específicos para poñer en valor figuras históricas femininas co gallo do 8-M

Esta nova dotación enmárcase nas expansión que o Goberno galego está a facer dos Polos Creativos ao 100% dos centros galegos de Educación Infantil, Primaria e ESO

Román Rodríguez explica que o obxectivo “é facer fincapé na importancia do papel das mulleres en diferentes ámbitos profesionais e estimular as vocacións científicas entre as nenas”

Mér, 13/03/2024 - 13:44
p

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio CPI Plurilingüe de Vedra, onde comprobou como o alumnado traballa co kit de Polos Creativos elaborado polo seu departamento para a celebración do 8-M. Tal e como explicou o representante da Xunta, o obxectivo deste equipamento especial é poñer en valor figuras históricas femininas das artes e das ciencias desde unha reivindicación lúdica.

Tal e como explicou Román Rodríguez, “esta nova dotación enmárcase nas expansión que o Goberno galego está a facer dos Polos Creativos ao 100% dos centros galegos que imparten Educación Infantil, Primaria e ESO, o que supón a instalación deste espazos en máis de 1.200 centros, cun investimento próximo aos 19M€”. 

“Este novo kit ten como obxectivo facer fincapé na importancia do papel das mulleres en diferentes ámbitos profesionais e seguir avanzando no estímulo das vocacións científicas entre as nenas, amosándolles exemplos de mulleres relevantes neste eido”, salientou o conselleiro en funcións. “Ademais, búscase que os estudantes descubran que a creatividade non só se ampara na tecnoloxía, senón tamén no coñecemento artístico e na capacidade inventiva, que tamén incentivan a matemática, a xeometría, a cooperación”, puntualizou.

Materiais do ‘kit’

Deste xeito, o novo kit inclúe un xogo de cartas con imaxes de ilustradoras científicas elaboradas por mulleres artistas que serve para que os estudantes descubran as figuras históricas, e que o fagan dunha maneira desenfadada. 

A maiores, contén ilustracións inspiradas en autoras históricas para recrear con materiais dixitais, así como un vídeo documental sobre o traballo das redeiras, e indicacións para realizar redes similares empregando materiais impresos en 3D.