Román Rodríguez pide axilidade na elaboración do Plan Especial de Conxo para construir un Centro de FP

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións participa no Consello de Administración do Consorcio de Santiago

Lembra que a Xunta vai actuar de urxencia no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres á espera dun plan integral de rehabilitación liderado polo Consorcio

Mar, 12/03/2024 - 18:33
c

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, participou hoxe na sesión ordinaria do Consello de Administración do Consorcio da cidade de Santiago, que se celebrou na Casa Vaamonde.

O representante da Xunta de Galicia aproveitou para pedir axilidade na elaboración do Plan Especial de Conxo, un plan que posibilitará a futura construción dun Centro Integrado de FP especializado en ciencias da saúde en Conxo. “A creación deste centro busca mellorar a oferta educativa vinculada ao campo sanitario e ás necesidades profesionais neste ámbito”, explicou Román Rodríguez sobre a repercusión deste proxecto e a importancia de desbloquealo a nivel urbanístico, así como a creación de prazas educativas no sur da cidade.

Así mesmo, durante a reunión, o conselleiro de Cultura en funcións lembrou que a Xunta de Galicia está a actuar de urxencia na Igrexa de Bonaval debido as humidades provocadas pola entrada de auga das últimas choivas, á espera dun plan integral de rehabilitación da igrexa que acolle o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres liderado polo Consorcio de Santiago.

Neste senso, Román Rodríguez avanzou que os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural xa se desprazaron á igrexa para avaliar a intervención de urxencia e poder acometela canto antes.