A Consellería de Cultura e Educación chega a un acordo cos pais e garante a escolarización do alumnado do colexio de primaria Novacaixagalicia de Vigo nos CEIP Valle Inclán e a Doblada

O xefe territorial de Educación reuniuse esta mañá con representantes da ANPA do centro, un encontro no que se chegou a un acordo por unanimidade para o traslado

A Consellería farase cargo do transporte escolar destes escolares

Á reunión asistiron ademais representantes das nais e pais da EEI El Nogal, cuxo alumnado se trasladará aos mesmos colexios o vindeiro curso

Mar, 06/03/2012 - 14:31

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria garante a escolarización do alumnado do colexio de primaria de titularidade de Novacaixagalicia en Vigo nos CEIP Valle Inclán e A Doblada, ambos os dous próximos ao centro de procedencia, na cidade olívica. Así llelo explicou esta mañá o xefe territorial de Educación na provincia, César Pérez Ares, aos representantes da Asociación de Nais e Pais do colexio Novacaixagalicia nunha reunión mantida na sede da Delegación da Xunta en Vigo, “un encontro no que se acordaron por unanimidade os puntos do traslado”.

No transcurso da reunión, na que estiveron presentes membros da Inspección educativa vinculados directamente aos referidos centros, expuxéronselles ás nais e pais os motivos alegados por Novacaixagalicia para o cese da súa actividade á fronte do centro educativo, unha circunstancia que obriga á Consellería de Cultura e Educación a procurar prazas nas que escolarizar o vindeiro curso aos 78 alumnos matriculados no devandito colexio. Así mesmo, asistiron ao encontro representantes das nais e pais da Escola de Educación Infantil (EEI) El Nogal – dependente da Consellería- que, tal e como xa estaba acordado coas familias, cesará a súa actividade o vindeiro curso, polo escaso número de alumnos cos que conta. Cómpre sinalar que o alumnado desta escola adoitaba a continuar os seus estudos na etapa de primaria no centro de Novacaixagalicia.

Para escolarizar ao alumnado do colexio Novacaixagalicia, os representantes das familias e os da Administración educativa acordaron o traslado en primeira opción ao CEIP Valle Inclán, en segunda opción ao CEIP A Doblada. Do mesmo xeito, desprazaranse a estes centros as 7 alumnas e alumnos de 3 e 4 anos que estaban matriculados na EEI El Nogal, mentres que os restantes 8 alumnos de 5 anos continuarán os seus estudos no centro no que tiñan previsto facelo tras acabar a etapa de infantil.

Tal e como explicou Pérez Ares, a Consellería de Cultura e Educación farase cargo do transporte escolar que precisen estas alumnas e alumnos para acudir o vindeiro curso aos colexios Valle Inclán e A Doblada.

Acordo unánime

César Pérez Ares salientou o esforzo do departamento educativo da Xunta de Galicia para achegar as diferentes posturas que se manifestaron na reunión, “ata acadar un punto común e unánime, sempre mantendo a premisa da calidade educativa, en beneficio dos escolares”.

Así mesmo o xefe territorial de Educación destacou o compromiso da Consellería co alumnado, garantíndolles a escolarización tras o cese da actividade do centro privado ao que asistían, “o que nos obrigou a buscar unha solución para estes escolares”.

Pérez Ares explicou ademais que a Xefatura Territorial se comprometera cos pais a que o alumnado dos últimos cursos do colexio Novacaixagalicia manterá na etapa de Secundaria a súa adscrición ao distrito educativo de Santo Tomé de Freixeiro, mentres que os dos demais cursos se adecuarán á adscrición do centro educativo no que estuden os vindeiros cursos.

Material e profesorado

O xefe territorial explicou ademais ás familias que o material de titularidade da Consellería que se atopa no colexio Novacaixagalicia será tamén trasladado ao CEIP Valle Inclán e CEIP A Doblada.

Respecto dos 13 profesores deste centro, todos eles con destino provisional, volverán escoller praza o vindeiro curso en outro centro educativo. Así mesmo, os dous docentes que está a impartir clases na EEI El Nogal decidiron de forma voluntaria volver concursar e elixir praza en outro colexio o curso que vén.