A Xunta reivindica o papel esencial dos docentes na consolidación dun ensino galego integrador e de calidade

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa participa na apertura do 7º Congreso Mundial de Educación Educa 2024, que se celebra na Coruña

Xov, 22/02/2024 - 19:44
e

A Xunta de Galicia subliña o papel fundamental dos docentes como unha das claves esenciais para a consolidación dun sistema educativo integrador e de calidade, onde prime a igualdade de oportunidades, a convivencia e a atención á diversidade.

Así o salientou esta mañá a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, con motivo da súa intervención no acto de apertura do 7º Congreso Mundial de Educación Educa 2024, que reúne na Coruña a expertos das distintas ramas educativas como docentes, pedagogos, orientadores ou membros de equipos directivos chegados de distintos puntos de Galicia, España e doutros países.

Na súa intervención, a representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades do Goberno galego puxo en valor “a enorme implicación e o traballo diario” do conxunto dos profesionais que conforman a comunidade educativa, cun contacto directo co alumnado que se traduce “non só en aspectos relacionados coa adquisición de coñecementos didácticos e competenciais, senón tamén co seu desenvolvemento social, emocional e persoal”.

O evento, organizado por Educa e a Universidade da Coruña, está configurado como un foro de intercambio de coñecementos didácticos entre profesorado e profesionais da educación que desde hoxe ata o sábado abordarán todas as etapas educativas. Ao longo destes tres días, sucederanse dez conferencias plenarias impartidas por recoñecidos profesionais da educación, dous foros de expertos e a presentación dun cento de traballos de investigación e experiencias didácticas. O congreso concluirá o sábado coa gala de entrega dos Premios Educa Abanca ao mellor docente de España.