A Xunta celebra o Día da Lingua Materna cunha xornada que reúne preto de 600 participantes do programa escolar ‘21 días co galego e +’

Román Rodríguez acompaña neste encontro o profesorado e alumnado dos 10 centros participantes da VI edición desta iniciativa de dinamización lingüística

O conselleiro en funcións destaca que o mellor xeito de manter viva a lingua “é empregándoa desde as primeiras etapas educativas”

Mér, 21/02/2024 - 14:04
g

A Xunta de Galicia conmemorou hoxe o Día Internacional da Lingua Materna coa celebración do II Encontro 21 días co galego e +, unha xuntanza lúdica e didáctica que reuniu no Monte Gaiás preto de 600 participantes da VI edición do programa de dinamización lingüística homónimo para intercambiar experiencias, música e xogos ao longo da xornada.

Durante o acto, presentado polo músico Pakolas, o titular en funcións da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, aproveitou para agradecerlles a todas as persoas participantes desta edición do 21 día co galego e + “o éxito desta iniciativa coa que, entrega tras entrega, queremos seguir axudando a que a nosa lingua sexa un elemento máis do día a día da rapazada para que esta leve o galego o máis lonxe posible”. “De aí a importancia dunha efeméride como a que conmemoramos hoxe”, declarou.

Ademais, o representante autonómico en funcións, salientou que o mellor xeito de manter viva a lingua xeración tras xeración “é empregándoa desde a infancia, e o sistema educativo garante que os cativos teñan destrezas e competencias nas dúas linguas, que debemos usar en absoluta liberdade”. Román Rodríguez tamén aproveitou para recordar que Galicia é a Comunidade Autónoma de España “na que temos un maior coñecemento da nosa lingua propia”.

Encontro arredor da lingua galega

Ao longo da xornada, na que tamén participou o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o alumnado, o profesorado e os coordinadores dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega pertencentes aos 10 centros escolares participantes nesta edición gozaron da música, bailes, monicreques, xogos tradicionais e contos que eles mesmos prepararon para o encontro.

Neste curso 2023/2024, que tivo como principal novidade a incorporación dos centros de Educación Infantil como participantes, o programa desenvolveuse nos colexios CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo), CEIP de Prácticas López Ferreiro (Santiago de Compostela) e CEIP Plurilingüe da Ramallosa (Teo), na provincia da Coruña; no CEIP Plurilingüe de Nadela e CEIP Frei Luís de Granada (Sarria), en Lugo; no CEIP O Couto (Ourense) e CEIP Ramón Otero Pedrayo (O Barco de Valdeorras), en Ourense e no CEP Campolongo (Pontevedra), CEIP Plurilingüe García Barbón (Vigo) e CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro (Vigo), na provincia de Pontevedra.

Número 37 na listaxe de linguas máis faladas

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en 1999 e celébrase anualmente cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. Este 2024, baixo o lema Educación multilingüe: un piar da aprendizaxe interxeracional, esta efeméride pretende visibilizar o feito de que a educación na lingua materna apoia a aprendizaxe, a alfabetización e a adquisición de idiomas adicionais.

A Xunta de Galicia conmemora esta data desde o ano 2010, contextualizándoa na nosa Comunidade e orientándoa á promoción e transmisión da lingua galega. Na actualidade, o galego ocupa o número 37 na listaxe de linguas máis faladas do mundo, no que existen máis de 6.000 idiomas diferentes. Ademais, a lingua galega está máis estendida e conta con máis recursos ca nunca na súa historia grazas á súa adaptación á realidade social e tecnolóxica do momento, algo no que o Goberno galego traballa impulsando iniciativas como o Proxecto Nós, que introduce de cheo a lingua propia de Galicia no mundo dixital e na Intelixencia Artificial.