A directora xeral de FP visita o Centro Integrado de FP Ánxel Casal-Monte Alto, que vén de reforzar a súa dotación tecnolóxica no eido da formación sanitaria

A súa inclusión na Rede Estatal de Centros de Excelencia de Formación Profesional supón un impulso da innovación e a investigación aplicada ao servizo do alumnado

Ven, 16/02/2024 - 17:46
c

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou esta mañá o Centro Integrado de FP CIFP Ánxel Casal-Monte Alto para comprobar de primeira man o resultado das reformas e reorganización de espazos acometidos logo de que fora seleccionado para formar parte da Rede Estatal de Centros de Excelencia de Formación Profesional. A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou que o Ánxel Casal-Monte Alto, que forma cada ano a máis de 2.000 alumnos, é un referente no eido sanitario, cunha ampla oferta que inclúe ciclos formativos e cursos de especialización das familias de Sanidade, Servizos á Comunidade, Seguridade e medioambiente e Química.

A súa inclusión na Rede Estatal de Excelencia supón unha dotación extra de 850.000€ para desenvolver proxectos de innovación e investigación aplicada ligada a á realidade virtual en campos como Radioterapia, impresión 3D no campo Protésico ou investigación en cultivos celulares e reprodución asistida entre outros.

Ademais, tamén foi seleccionado para participar na convocatoria de Espazos de Tecnoloxía Aplicada da Xunta, o que lle permitiu transformar unha aula tradicional nunha tecnolóxica que conta cos últimos avances á disposición do alumnado que cursa o ciclo de Servizos socioculturais e á comunidade. Precisamente, na súa visita, Eugenia Pérez puido coñecer o Espazo Edulab: aprendizaxe 4.0 habilitado na aula de Educación Infantil, que incorpora os últimos avances tecnolóxicos para que ao alumnos de dito ciclo completen a súa formación.

Así mesmo, visitou as aulas de Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico, que foron dotadas cun escáner de uso profesional que permite a dixitalización de mostras para pasalas a datos de alta resolución que permiten o traballo en rede; a aula de Farmacia e Parafarmacia, na que se está desenvolvendo un proxecto que recrea as diferentes fases da elaboración de formas farmacéuticas que abrangue a formulación maxistral, fabricación tecnolóxica, área de calidade e envasado e zona de atención e dispensación farmacéutica, e o viveiro de empresas.