A Xunta licita por máis de 1,1 M€ a terceira fase da rehabilitación integral do colexio CEIP Froebel de Pontevedra

Cúmprense así os prazos previstos e, para axilizar os trámites, solicitouse xa ao Concello de Pontevedra a licenza de obra

O xefe territorial da Consellería de Educación en Pontevedra, César Pérez, desprázase ao centro para informar a comunidade educativa da licitación

O proxecto inclúe a renovación de case 1.500m² de cubertas, a mellora do illamento térmico e a instalación de novos falsos teitos, luminarias, alicatado e portas

A maiores, renóvanse as instalacións de electricidade, fontanería, calefacción e protección contra incendios en toda a área de actuación desta terceira fase

Xov, 15/02/2024 - 11:30
f

A Xunta de Galicia acaba de licitar a terceira fase da rehabilitación integral do Colexio CEIP Froebel, cumprindo os prazos previstos e unha vez completados todos os trámites administrativos. O orzamento de licitación ascende a 1.170.948,58€ e o prazo de execución das obras é de seis meses. Para axilizar os trámites e a obra, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades remitiu xa ao Concello de Pontevedra o proxecto básico e de execución para que se tramite e conceda a licenza de obras no prazo máis breve posible.

Con motivo desta licitación, o xefe territorial da consellería de Cultura, Educación FP e Universidades na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares, desprázase hoxe ao centro para informar á comunidade educativa sobre a licitación e os detalles do proxecto, que xa foran avanzados polo conselleiro, Román Rodríguez, ao director do centro nunha xuntanza mantida o pasado mes de decembro.

Melloras en cubertas e aulario

O programa de necesidades inclúe tanto as necesidades iniciais detectadas pola Unidade Técnica como melloras suxeridas polo propio centro e ocúpase da parte do colexio que aínda non foi reformado, que se corresponde coa parte do volume central que dá á rúa Xeral Martitegui, incluíndo as aulas de Primaria e a zona cuberta do patio central, así como o distribuidor que rodea todo o patio central.

Deste xeito, o proxecto contempla a renovación das cubertas que aínda non foron mudadas, cunha superficie total de case 1.500m², unha actuación que se completará co reforzo estrutural das cerchas e a renovación dos correspondentes canlóns e baixantes. Incorporarase, ademais, illamento térmico nas novas cubertas, de xeito que se reduzan as perdas de calor e colocarase un pararraios.

Así mesmo, colocarase trasdosado de xeso interiores en fachadas exteriores para incrementar o illamento térmico e melloraranse os acabados interiores, co cambio de falsos teitos, alicatados, luminarias e portas, tanto en zonas comúns como en aulas. No que atinxe aos aseos, acometerase a remodelación dos situados na torre central.

A maiores, renovaranse as instalacións de electricidade, fontanería, calefacción e protección contra incendios en toda a área de actuación desta terceira fase.