A visita ao Colexio Agrupado Amencer de Ribadavia pecha a xira dunha delegación do Goberno Canario a Galicia para coñecer o modelo de ensino rural

O director xeral de Centros e Recursos Humanos acompaña ao grupo, que na xornada de hoxe tamén visitou o CRA de Vilaboa, en Pontevedra

Xov, 08/02/2024 - 16:30
c

A delegación do Goberno de Canarias desprazada estes días a Galicia para coñecer o modelo de ensino rural pechou hoxe a súa estancia na nosa comunidade cunha visita ao Colexio Rural Agrupado CRA Amencer, de Ribadavia, onde estivo acompañada polo director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Jesús Álvarez. Previamente, tamén visitaron o CRA de Vilaboa en Pontevedra.

A delegación canaria, encabezada pola directora xeral de Administración de Centros, Escolarización e Servizos Complementarios, Carolina León, recabou información de primeira man sobre o funcionamento deste tipo de centros, tanto a través das súas directoras e profesoras coma dos propios alumnos.

No CRA Amencer de Ribadavia efectuaron un percorrido pola Escola de Francelos así como pola de San Paio, mentres que no de Vilaboa-Consuelo González Martínez, visitaron a Escola de Pousada e a Escola de Vilaboa, que exerce como sede principal. En ambos casos, as representantes do departamento de Educación do Goberno canario tiveron a oportunidade de coñecer instalacións, as unidades escolares, a organización das mesmas e a súa biblioteca.

Ademais, en Vilaboa puideron gozar dunha exhibición por parte dos nenos de Madama e Galán do Entroido de Cobres, un dos nove entroidos que están recoñecidos como festas de interese turístico de Galicia.