A Xunta convoca o programa de estadías lingüísticas en primavera con 1.475 prazas para o alumnado galego

O obxectivo é estimular a práctica oral do alumnado de 6º de Primaria a 4º de ESO en lingua inglesa, co apoio de profesorado nativo, e fomentar a convivencia

O programa desenvolverase do 14 de abril ao 15 de xuño nun centro residencial en Galicia, en réxime de internado de domingo a sábado

Os centros poderá solicitar participar na iniciativa ata o 8 de marzo incluído

Xov, 08/02/2024 - 15:19
w

A Xunta de Galicia vén de convocar o programa de estadías lingüísticas Spring Week, que se desenvolverá entre o 14 de abril e o 15 de xuño deste ano. A iniciativa, enmarcada na Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, vai dirixida a centros docentes sostidos con fondos públicos, nos que se impartan ensinanzas de 6º curso de Educación Primaria ou de ESO e poderán participar un total de 1.450 alumnos.

O programa desenvolverase nun centro residencial situado en Galicia en réxime de internado e ten como obxectivo a estimulación da práctica oral da lingua inglesa e a súa utilización en contextos comunicativos máis amplos que na contorna escolar.

Durante a estadía, que se realizará en quendas semanais de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá, o alumnado contará co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa. As actividades fomentarán a convivencia e xirarán arredor de temáticas de interese cultural, social, artístico e medioambiental.

A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa e promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sostibilidade e o coñecemento da contorna (enerxías renovables, produción e consumo responsable, cidades sostibles, acción polo clima...), segundo se recolle nos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.

Un total de nove quendas

O prazo de presentación de solicitudes, que deberán tramitar os centros interesados a través da aplicación informática habilitada para tal fin, remata o 8 de marzo, incluído. A distribución de prazas por quendas é a que se relaciona no seguinte cadro:

 

QUENDA

DATAS

CURSO

ALUMNADO

1ª quenda

do 14 ao 20 de abril

4º de ESO

175

2ª quenda

do 21 ao 27 de abril

3º de ESO

175

3ª quenda

do 28 de abril ao 4 de maio

2º de ESO

175

4ª quenda

do 5 ao 11 de maio

1º de ESO

175

5ª quenda

do 12 ao 18 de maio

6º EP

175

6ª quenda

do 19 ao 25 de maio

6º EP

175

7ª quenda

do 26 de maio ao 1 de xuño

3º e 4º de ESO

125

8ª quenda

do 2 ao 8 de xuño

1º e 2º de ESO

125

9ª quenda

do 9 ao 15 de xuño

6º EP

150

TOTAL

1.450